Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Un novo negocio terapéutico instálase nas antigas cabalerizas de Sargadelos

Por 26 Setembro, 2019Sin comentarios

O Centro de Emprendemento acondicionado no edificio das Antigas Cabalerizas de Sargadelos completa a súa oferta cunha actividade do sector terapéutico e sociosanitario. 

O rexedor, Alfonso Villares, asinou o contrato coa persoa adxudicataria do local número 3, Mª Reyes Quelle Fra, que ten previsto iniciar proximamente a actividade dun Centro Terapéutico que bautizou como Pasiños na Lúa, xerando así “un recurso sociocultural, rehabilitador e dinamizador para todas aquelas persoas que presentan algún tipo de limitación, sexa cal sexa, na súa anatomía, no seu patrón condutual-emocional, na súa contorna, na súa fisionomía, ou simplemente que estea a pasar por un mal momento que lle limite desfrutar ao cento por cento da vida”, segundo explicou a adxudicataria deste espazo.

Tal e como explicou Villares “con este novo proxecto cubrimos a totalidade dos locais que acondicionamos no edificio das Antigas Cabalerizas e que puxemos a disposición das persoas emprendedoras por un aluguer simbólico, que rolda os 20 euros mensuais”.

O rexedor subliñou que “é unha satisfacción poder ver culminar este proxecto no que tanto empeño puxemos desde este equipo de Goberno, e que agora podemos ver que é unha realidade”. Villares puxo en valor, así mesmo, “o impulso e o dinamismo que lle outorgan este novos negocios ao Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, que atrae cada vez máis visitantes que poden desfrutar dunha contorna natural única, aderezada agora con diferentes actividades que lle dan, sen dúbida, ese valor engadido”.

No Centro de Emprendemento están instalados o establecemento de fabricación e venda de táboas de surf artesanais Serea Surfboards, o obradoiro creativo con tenda e estudo de tatuaxes Enigma, o centro ecuestre Cabaliño de Pao, o café bar cultural A Sacabeira, e o establecemento de alimentación ecolóxica Marmeladas A Morena.

Villares precisou que a ocupación total do Centro avala a “importante aposta que fixemos para poder poñer en marcha este proxecto concibido cun dobre obxectivo; por unha banda co fin de darlle ese impulso ao Conxunto Histórico; e por outra para ofrecerlle a estas persoas emprendedoras  unha opción para poder iniciar a súa actividade facendo fronte a un custe asumible”.

O alcalde subliñou que foron moitas as persoas interesadas nestes locais e que, se ben nestes intres non dispoñemos de máis oferta, “estudaremos a posibilidade de habilitar novos espazos municipais para fins similares”.