Xove promociona a escola de música cuns concertos a comezo de curso

No ximnasio do CEIP Pedro Caselles Rollán e no ximnasio do IES Illa de Sarón, cinco  profesores da Escola Municipal de Música de Xove (quinteto composto por dous violíns (Iria Pigueiras e Manuel Fernández), unha viola (Xacobe Pedre), un chelo (Xulia Nogueira) e unha frauta e un saxo (José Rodríguez) realizaron o mércores un pequeno concerto didáctico en cada un dos citados centros educativos, cunha duración duns 40 minutos.  

Con estes dous concertos abríronse as actividades do Curso 2019-2020 da Escola Municipal de Música de Xove. Os mesmos tiveron unha dobre finalidade: cultural, no senso de achegar a música aos nenos e rapaces e, por outro, promocional, xa que se aproveitaron para publicitar a Escola e animar aos alumnos destes dous centros a que se inscriban na Escola de Música, dado que a preinscrición aínda non remata ata finais deste mes de setembro. 

Os concertos organízáronse coa colaboración do CEIP Pedro Caselles e do IES Illa de Sarón.

Seguindo coa Escola Municipal de Música, o luns, 30 de setembro, ás 20.00 horas, terá lugar a presentación oficial do Curso 2019-2020, acto que se vai realizar na sé da Escola en Palmeiro, ao cal están invitados tódolos pais e alumnos da mesma. As clases comezarán ao día seguinte, o martes 1 de outubro.

 

Etiquetas