Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

O PP critica que Tomé votase en contra da moción popular en defensa de Alcoa

Por 27 Setembro, 2019Sin comentarios

O futuro da planta de Alcoa en San Cibrao é cada día máis escuro a causa da inacción do Goberno central, presidido polo socialista Pedro Sánchez, segundo opinan os populares. Para o PP de Lugo, a postura dos socialistas fronte a unha industria que constitúe un dos principais recursos da provincia resulta totalmente inaceptable e censurable. O presidente da Deputación, José Tomé, rompeu na última sesión plenaria da Deputación o consenso que houbo ata o momento en respaldo de tan importante industria e negouse a apoiar (votou en contra) a moción presentada polo grupo popular en defensa de Alcoa-San Cibrao. A inaudita posición adoptada polo PSOE levantou un forte malestar na Mariña, do que se fan eco os portavoces populares en Trabada, José María Fernández Vázquez, e Viveiro, Óscar Rodríguez Blanco.

 Para Rodríguez Blanco, o de Alcoa-San Cibrao é «un deses casos nos que hai que deixar de lado os intereses partidistas e sumarse decididamente á defensa dos intereses da comarca e da provincia». Considera que «nun momento tan perigoso para a supervivencia desta industria hai que poñer sen dúbidas os intereses xerais por diante dos de partido; iso é algo que non parecen saber facer os socialistas á vista de como están actuando en relación con Alcoa».

Rodríguez destaca que o PP intentou presentar no seu momento unha moción de urxencia no Concello de Viveiro, pero non lle foi permitido, porque sorprendentemente o goberno considerou que non era un tema urxente. Di que tal resposta deixa ben clara a maneira de pensar dos socialistas. No próximo pleno volverán a presentar a moción en defensa de Alcoa, reclamando medidas que garantan o seu futuro.

Polo seu lado, o portavoz popular en Trabada, José María Fernández Vázquez, di que, á vista de como actúa o PSOE na proximidade de citas electorais, non tardará moito en empezar a adquirir compromisos totalmente baleiros de contido. Asegura que aínda coñecendo ese modo de operar dos socialistas, resulta verdadeiramente sorprendente o feito de que o presidente da Deputación, José Tomé, fora capaz de rachar o consenso mantido ata agora na defensa de Alcoa e non apoiase a moción a tal fin presentada polo PP. «Moita prensa, moita foto, pero á hora da verdade non son capaces de deixar de lado os intereses partidistas e defender os intereses da Mariña e da provincia».

Tanto Rodríguez como Fernández resaltan que o presidente da compañía deixou claro ao comité de empresa que diante da falta de concreción por parte do Goberno central non están previstos cambios que melloren a actual situación de Alcoa, que reduciu nun 11% a súa produción en San Cibrao.

Destacan igualmente que a inacción do Goberno mantén aos traballadores e a toda a comarca en estado de grave preocupación. Neste escenario é imposible entender, máis que desde posicións puramente partidistas, a actitude do PSOE na provincia, e sinaladamente a do presidente da Deputación, José Tomé, ao non apoiar a moción presentada polo PP.

A iniciativa popular incluía instar ao Goberno a realizar as accións encamiñadas a garantir os centros produtivos e os postos de traballo de Alcoa en San Cibrao, así como a garantir un marco enerxético estable e competitivo. Tamén á aprobación de xeito inmediato do estatuto de apoio ás empresas electrointensivas. Igualmente, na moción popular se instaba ao Goberno a cumprir o compromiso de ampliar de 90 a 200M€ a compensación dos gastos indirectos de CO2 como medida de apoio ás empresas que teñen unha alta dependencia dos custes enerxéticos.

O PP de Lugo entende que a falta de compromisos do Goberno, presidido por Pedro Sánchez, con Alcoa-San Cibrao está a poñer en grave perigo o futuro desta industria, que representa o 30% do produto interior bruto da provincia e crea emprego directo para máis de 1.100 familias, e miles de empregos indirectos (calcúlase un total no entorno de 5.000 postos).

ALCOA. O Grupo Provincial do PP lamenta que Tomé e o resto de deputados socialistas se opuxesen á defensa de Alcoa proposta polos populares que, sen embargo, si que obtivo os votos positivos do BNG. A este respecto, consideran que o PSOE perdeu unha oportunidade para o que debería de ser lóxico e responsable neste asunto, que é acadar un acordo unánime de toda a Corporación.

Esta decisión unilateral pon de relevo que para os socialistas a prioridade é defender ao Goberno de Sánchez e non aos intereses dos traballadores e o mantemento da actividade industrial, que xa se viu reducida co peche de 32 cubas. Por este motivo, tachan de “irresponsable” a actitude dos socialistas, que deixa en evidencia que “estamos ante un goberno partidista”.

Por outra banda, dende o Grupo Provincial afirman que no Pleno de hoxe se viu a un goberno “sen iniciativa, que non traballa e que plaxia propostas”. Esta é a conclusión que fan os populares unha vez que o bipartito incluíu mocións semellantes ás presentadas polo Partido Popular respecto sobre o futuro de Alcoa e a erradicación dos danos causados polo xabaril tanto en zonas urbanas como rurais.

Xa centrados no marco do debate, os populares agardaban que o PSOE dese o visto é prace á súa moción na que pedían que a Deputación instase ao Goberno Central a aprobar o estatuto de consumidor electrointensivo, pois esta sería a solución á grave crise que atravesa a multinacional. Castiñeira destacou que o PP xa deixou claro, no ámbito da Deputación, a súa preocupación polo futuro de Alcoa en ocasións anteriores, concretamente en maio de 2016, outubro de 2018 e marzo do ano en curso. Se antes a situación da factoría era preocupante, agora, moito máis ante a paralización da produción. O vicevoceiro explicou que “Alcoa está pedindo axuda, que necesita prezos competitivos”, felicitando con elo tanto a traballadores como aos alcaldes de Cervo e Xove, na defensa do mantemento da empresa.

Javier Castiñeira recordou que Alcoa de San Cibrao constitúe o principal motor económico e laboral da Mariña lucense e un dos máis importante das provincia. É a principal fonte de emprego directo para 1.100 familias; a maiores, hai que engadir o emprego indirecto. Por iso, Castiñeira considera imposible de entender a desidia demostrada polo Goberno presidido por Pedro Sánchez. É incomprensible, na súa opinión, a falta de reacción demostrada con respecto á factoría de San Cibrao despois da venda das de A Coruña.  O mesmo deputado provincial resalta que a familia popular saíu decididamente en apoio do futuro da factoría e dos seus traballadores. Fíxoo xa na época de Mariano Rajoy coa reunión en EEUU e a construción do gasoducto e agora o está a facer en todas as institucións.

Por este motivo, criticou a votación dos socialistas, pois, mentras “o PP ten claro o que quere, o PSOE vai ao dedo que máis lle interesa”, pois as declaracións da ministra “nada novo trouxeron”.