Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo creará unha escola de empoderamento para as mulleres no eido rural

Por 27 Setembro, 2019Sin comentarios

O Concello de Ribadeo aprobou, no último pleno municipal, entre outros asuntos, a amortización anticipada de 390.000 euros da débeda actual de 800.000 euros cos bancos. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “isto é posible debido á boa xestión dos últimos anos e tamén aos remanentes positivos cos que conta o Concello”. No pleno foi tamén aprobado por  unanimidade o III Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes que incluirá a creación dunha escola de empoderamento no eido rural.

O rexedor contou que “foi un interesante pleno ordinario onde houbo unha chea de asuntos que foron aprobados, a maioría por unanimidade e algún deles por maioría”.

Fernando Suárez se referiu aqueles puntos que trataron aspectos económicos da situación do Concello “como foi a conta xeral do exercicio 2018, o plan económico financeiro, que tivemos que aprobar, ou como foi tamén a proposta de amortización anticipada de 392.000 euros da débeda actual de 800.000 euros que mantemos cos bancos. Podemos facer isto pola situación económica do Concello, pola xestión destes últimos anos e porque temos remanentes positivos que nos permiten tirar deles para amortizar moito antes do que corresponde, para unha débeda de 800.000 euros actuais e que hai que cifrar en 5, 6 ou 7 millóns de euros hai oito, nove ou dez anos”.

O alcalde subliñou “a aprobación unánime do terceiro Plan de Igualdade do Concello de Ribadeo e que sigue afondando na consecución de maiores cotas de igualdade para as mulleres deste concello, tanto da vila como do campo, no que se refire a unha maior igualdade nos salarios, nas condicións laborais ou no acceso ao emprego, e nunha calidade de vida e tempos de ocio máis accesible para as mulleres, e sobre todo para unha vida onde as violencias non estean tan presentes. Este terceiro Plan de Igualdade do Concello de Ribadeo é ambicioso pero realista, contempla unhas cincuenta accións a acometer dentro do período 2019-2022, divididas en seis áreas de traballo e entre elas contémplase a creación dunha escola de apoderamento para as mulleres no rural, tamén a educación en igualdade desde idades temperás e adolescentes, pois detéctase que nesta faixa de idade se están empezando a producir problemas, que é necesario dar unha educación máis intensa no que á igualdade se refire”.

MOCIÓNS. Suárez Barcia engadiu que “en canto ás mocións tamén se aprobou, de xeito unánime, unha do Partido Popular para solicitar axuda a outras administracións para que colaboren de xeito decidido en resolver unha problemática coas vellas conducións de auga, que afectan aos Concellos de Trabada e Ribadeo, algo que levamos demandando desde hai anos e que ata agora non se viu resolto. Esperemos que exista un compromiso de verdade e non un simple xogo político como o que fixo a Xunta co campo de fútbol de Ribadeo, onde para un proxecto de máis de 400.000 euros soamente acabou poñendo 41.000. Eu, no nome do goberno, agardamos que non sexa así nestas outras necesidades básicas como é o caso do subministro de auga á poboación e para iso seguro que teremos que pedir axuda non soamente á Xunta de Galicia senón tamén á Deputación e ao goberno do Estado, polo que a nosa vontade de diálogo sincero e acordo sempre estivo e sempre estará aí”.

O rexedor dixo que “outras das mocións que tamén se aprobaron por unanimidade foron unha do BNG e outra do PP sobre a situación de Alcoa, onde con enmendas varias do PSOE e máis do Bloque foron aprobadas tamén unanimemente no senso de pedirlle á Xunta e máis ao Estado que se apliquen para evitar un desenlace fatal desta grande empresa, o que provocaría unha catástrofe económica na nosa comarca. O pleno finalizou con diversos rogos e preguntas dos concelleiros da oposición que foron contestados, aceptados ou motivadamente rexeitados”.