Organizan un roteiro polo patrimonio histórico da parroquia focense de Vilaronte

O vindeiro 28 de setembro, todo o que queira poderá sumarse a un roteiro polo patrimonio cultural da parroquia focense de Vilaronte que comezará ás 16 horas, saíndo do campo da feira da Espiñeira. Os participantes terán a oportunidade de ver restos das minas de ouro, castros, as antigas caleiras, así como outras mostras da arquitectura indiana, as instalacións das fábricas de Damián López, a igrexa local e a pía bautismal do século VI.

Ás 19 horas está prevista a proxección do filme Riquezas lucenses, o local da asociación O Castro. Trátase dun documentario gravado en 1946 nas fábricas de Damián López, considerado coma un dos empresarios máis puxantes da historia moderna de Foz. No lugar das Charelas, montara unha fábrica con aparellos para serrar e que incorporaba unha serra de carro na que se podían tratar vigas longas e preparar as quillas dos barcos que se construían en Foz. O empresario tivo tamén dous barcos de cabotaxe que transportaban madeira, así como dunha embarcación pesqueira. Tamén tivo aserradeiro e muíños, entre outras propiedades.

A asociación O Castro colabora neste roteiro, así como tamén os veciños e consumidores de San Xoán de Vilaronte, o colectivo O Atrio e A Pomba do Arco. Hai dispoñible un teléfono, o 608 555 010, para os interesados.

Etiquetas