Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAXoveZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Mañá será o open de surf praia de Esteiro de Xove

Por 28 Setembro, 2019Sin comentarios

O Open do Circuíto Galego na Praia de Esteiro, no Concello de Xove, desenvolverase na xornada deste domingo, 29 de setembro. É a única que se fai na provincia de Lugo e tamén é puntuable para a liga da federación galega de surf. Acudirán entre 60 e 70 inscritos e destaca a presencia do tres veces campión do Europa e actual organizador do Illa Pancha Challenge, Erick Rebier, na categoría Máster.

En colaboración coa federación, como anfitrións do certame, destaca o papel da escola de surf de Esteiro, na praia de Xove, pioneira en precisamente dispoñer dunha escola na zona e que será a primeira tamén en ofrece o primeiro albergue de surf da Mariña, xa que acaban de adquirir unha casa ao borde de mar con esta finalidade. Forman tamén parte da recén creada asociación de escolas de surf da comarca mariñá. Os propietarios son Catalina Quintana e Ignacio Fernández.

A proba que se disputará este domingo, a partir das 9 horas, na praia de Esteiro, é xa a cuarta edición dentro do circuíto galego de surf. Consta de tres modalidades, a máster, o open como tal nas categorías masculina e feminina e sub 18, para rapaces de máis de 14 anos. Vanse repartir, entre os gañadores, 600 euros en premios en metálico.

A proba ía comezar este sábado, pero coincidiron outros dous campionatos, un en Ferrol e outro en Xixón e por este motivo foi posposta ao domingo. Tamén se debe a esta razón que o número de inscritos baixara lixeiramente con respecto á pasada edición, na que participaran máis dun centenar. A oleaxe deste sábado era idónea, segundo Fernández, da escola de surf de Esteiro, pero mañá tamén se agarda un bo día de olas, quizáis de menor envergadura e menor perigosidade, que se van poden desfrutar nunha das mellores praias da costa mariñá para esta práctica deportiva, dotada ademais con amplos aparcadoiros.

O ano pasado, disputouse o campionato de España de surf en Esteiro e o responsable da escola local, Ignacio Fernández, vai solicitar que esta proba principal volva celebrarse na localidade.

O Concello de Xove aposta decididamente polo surf polo turismo que está a xerar na localidade, sobre todo na tempada propia, que vai da Semana Santa a outubro. Neste pasado período estival, a escola xovense de surf estivo operativa sete días á semana con dúas ou tres clases diarias e un gran número de estranxeiros que viñeron expresamente a surfear as ondas deste areal.

Os interesados poden seguir as mangas por internet, polo sistema refresh, mediante este enlace: www.surfscores.com/ESP/2019/fgs008.