Medio cento de cervenses puxo en valor o Camiño do Mar

Máis de cincuenta persoas participaron na cuarta etapa do programa Cervo no Camiño, celebrada este domingo entre os municipios de Portomarín e Palas de Rei.

Esta é unha iniciativa que o Concello de Cervo, conxuntamente coas distintas asociacións do Concello, elaborou co fin de impulsar e poñer en valor o Camiño de Santiago e, en concreto, o tramo que discorre polo termo municipal e que forma parte do Camiño do Mar.

Este programa conta con nove rutas, unha inicial que transcorreu polo propio Concello, e outras oito que fan o percorrido do Camiño Francés dende O Cebreiro ata Santiago de Compostela.

Segundo a Delegada de Cultura, Dolores Caramés, “este programa está tendo unha moi boa acollida por parte da xente e serve como estimulante para seguir potenciando o Camiño do Mar, que é o que transcorre polo noso Concello. A idea é que o ano seguinte se faga o Camiño Inglés e no 2021, coincidindo co Xacobeo 2021, fagamos o Camiño de Santiago desde Cervo polo Camiño do Mar”.

Etiquetas