Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Foz aproba en pleno pedirlle á Xunta un auditorio

Por 1 Outubro, 2019Sin comentarios

O alcalde socialista de Foz, Fran Cajoto, está satisfeito do resultado do último pleno da corporación municipal. Na sesión foi aprobada a proposta para reclamar á Xunta de Galicia a construción dun auditorio na vila.

O rexedor municipal fixo unha valoración positiva do pleno: “estamos moi contentos do pleno, que foi longo, con moitos puntos a tratar. Levamos varias propostas da Alcaldía, algunhas defendidas polos compañeiros do BNG Gema Méndez e Iago Villamil e outra de cara a rexeitar eses crimes de mulleres que nos asolan todos os días e dos que temos casos recentes, que foi defendida por Verónica Peña e aprobada por unanimidade. Aprobamos tamén unha proposta da Alcaldía de cara á Travesía Ría de Foz, un evento deportivo moi importante, con moito arraigo, para que sexa declarado de interese turístico de Galicia, para o que imos iniciar os trámites. Ademais aprobouse outra proposta para que a Xunta de Galicia aclare dunha vez por que a inspección educativa prohibiu, nas anteriores eleccións municipais, un debate electoral co que estaba de acordo todo o equipo directivo do IES de Foz, estaban moi implicados os alumnos, íamos ir todos os grupos municipais a ese debate, e de boas a primeiras anulouse por parte da inspección educativa. Cremos que a educación ten que ser en democracia, ten que ser en liberdade; se estamos formando cidadáns temos que formar persoas con espírito crítico e é importante que nos trasladen a súa opinión e as súas inquedanzas”.

Fran Cajoto engadiu que “tamén se aprobou, por unanimidade, unha moción para reclamar á Xunta de Galicia que non elimine ese técnico na ambulancia medicalizada pois a de Foz é a única ambulancia medicalizada de toda Galicia na que se reduce persoal; e neste caso aínda encima co hándicap que temos do espazo rural, onde sempre é máis complicado chegar ás vivendas e ás persoas. Entendemos que calquera emerxencia sanitaria é idéntica en calquera punto e máis cando é un medio rural, entón necesitamos esa dotación completa porque estamos poñendo en risco vidas. Tamén levamos a pleno unha proposta da Alcaldía para ir toda a corporación unida e reclamarlle un auditorio á Xunta de Galicia. Neste senso o Partido Popular, como no resto do pleno, actuou de maneira partidista, reclamando unha ubicación e que se impliquen outras administracións. Pero o Concello de Foz non ten capacidade orzamentaria para desenvolver un proxecto tan importante, a Xunta de Galicia é a administración competente, non porque o digamos nosoutros desde o equipo de goberno senón porque así o din as competencias no estatuto de autonomía de Galicia e en diversas leis de promoción cultural. Tamén porque financiou outros auditorios, o de Lugo na súa totalidade, incluso os propios terreos que eran do Instituto Galego de Vivenda e Solo, e ten comprometidos mesmo neste ano 2019 auditorios novos financiados por completo doutros concellos, como Ribeira, na Coruña, ou Marín, na provincia de Pontevedra. Cremos que en Foz, o segundo concello por poboación máis importante da Mariña, despois de Viveiro, o único dos concellos grandes que non ten auditorio, é unha infraestrutura demandada por todos os partidos políticos, temos que ir todos a unha para buscar ese financiamento. Pero o Partido Popular tivo outra vez un afán partidista e realmente non se pon de cara con toda a corporación”.

Cajoto manifestou tamén que “o que está facendo o Partido Popular é poñer paus nas rodas, atrancos á tarefa de goberno, e o portavoz do PP e ex alcalde nin sequera pasou pola Alcaldía, a pesar de que llo solicitei eu mesmo, para darme traslado dos asuntos importantes pendentes, o que sería de normal traballo nunha transición. Iso o que demostra é que lle importan máis as siglas que o Concello e que os veciños porque o normal sería que traballáramos colaborando todos; e máis cando se pasa dunha Alcaldía a outra”. 

O alcalde de Foz comentou ademais: “vimos tamén este afán partidista nunha moción do Partido Popular respecto á depuradora. Nosoutros levamos a pleno a ampliación dunha adenda, que o que provoca é aumentar cunha prórroga dun ano o prazo de construción, porque a Xunta de Galicia non fixo os seus deberes, un anteproxecto anterior tombouse e este está en fase de alegacións. En vez de reclamarlle esa dilixencia á Xunta de Galicia, en vez de solicitarlle a Augas de Galicia que apure os trámites, que acelere as alegacións porque agora mesmo a EDAR está no tellado de Augas de Galicia que ten que resolver esas alegacións, pois reclama ao equipo de goberno no Concello de Foz que non bloquee ese expediente. Isto é sorprendente, intenta crear unha opinión infundada nos veciños de Foz, dicindo medias verdades ou falsidades, e facendo xuízos de opinión do que pensa o equipo de goberno ou deixa de pensar. O que importan son os feitos, que o proxecto agora mesmo está en fase de alegacións de Augas de Galicia e que o equipo de goberno do Concello de Foz trouxo unha addenda para ampliar o prazo porque así se solicitou e  non se está bloqueando nada. O que estamos facendo é fiscalizar, e denunciar todas aquelas irregularidades, anomalías ou fallos que vemos no anteproxecto para que se subsanen, para que no proxecto de construción estean completamente resoltas e que sexa viable e efectivo e dunha vez se solucionen os problemas de depuración en Foz. Simplemente queremos traballar de cara aos veciños”.

O rexedor municipal rematou agradecendo “a asistencia ao pleno a aqueles que o estiveron a ver” e pide desculpas porque “por unha avaría na radio municipal non se puido emitir en directo, aínda que foi gravado para que poidamos emitilo en canto eses problemas técnicos estean resoltos”.