O PSOE esixe da Xunta a rehabilitación de tres casas en ruínas en Viveiro

A portavoz de Urbanismo do grupo socialista, María Pierres, esixiulle ao Goberno galego que leve a cabo a rehabilitación integral á que están obrigados de tres vivendas de Viveiro titularidade do IGVS, situadas no cruce de Rosalía de Castro con Fernández Victorio. Pierres presentou unha pregunta oral na Comisión de Obras Públicas do Parlamento para reclamarlle á Xunta que actúe.

A parlamentaria socialista lembra que os inmobles son de titularidade do Goberno galego dende 2006 e que “o fin último para o que foron adquiridos foi a súa rehabilitación integral como vivendas de protección pública”. Acusou ao Executivo de “obviar a demanda existente neste Concello”, con 46 familias demandantes de VPP, 44 delas en réxime de aluguer, e 11 delas especificamente no casco histórico.

Censurou que o PP local “amosa sen reparos a súa visión selectiva, reclamando nesta vila a rápida actuación do Concello no abandono de vivendas de particulares, e non tanto no que é a propia administración autonómica a propietaria, a lo menos dende hai 13 anos”. 

Aludiu ás declaracións do delegado territorial da Xunta, Xosé Manuel Balseiro, apuntando á falla de demanda nunha adxudicación anterior esquecendo as condicións daquelas, con problemas de accesibilidade ou escaso espazo, polo que lle recomendou atender ás necesidades dos demandantes. Pierres considera neste sentido “complicado de explicar” o feito de que “é a propia Consellería quen favorece un estado de abandono” nas edificacións.

O feito chegou a que o pasado 15 de xullo a alcaldía do Concello trasladoulle ao Instituto Galego de vivenda un informe técnico sobre o estado das vivendas, cun nivel de degradación que chegou a provocar desprendementos do revestimento de fachada sobre o vial público. O informe técnico urxe a proceder ao desbroce da vexetación, eliminando tamén a súa presenza nas fachadas, a retirada do revestimento con risco de desprendemento e saneando as fachadas das edificacións.

Pierres ironizou coa actuación do Goberno galego nas vivendas precisamente “nos días previos a esta Comisión, limpando cando menos a vexetación e tapiando algún oco de fachada polo que saían eses elementos vexetais”.

Etiquetas