Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A residencia de Ribadeo celebrou cun menú especial o día dos maiores

Por 2 Outubro, 2019Sin comentarios

A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, visitou hoxe a nova residencia con motivo da celebración do Día das Persoas de Idade. Os residentes do centro, un total de 39, degustaron un menú especial e gozaron de actividades de animación, tanto pola mañá como pola tarde.

A edil ribadense comentou que “hoxe viñemos ata aquí, ata a residencia municipal de Ribadeo, para compartir con todas as persoas que viven aquí o Día Internacional das Persoas de Idade”.

Mónica Freire subliñou que “este día é unha ocasión perfecta para destacar as importantes achegas que todos os nosos maiores fan e fixeron á sociedade e crear tamén conciencia sobre as oportunidades e os desafíos do envellecemento no mundo de hoxe”.

A concelleira de Servizos Sociais explicou que “para este día na residencia houbo un menú especial preparado para que o poidan disfrutar todas e todos os residentes, ao mesmo tempo que haberá unha serie de actividades lúdicas, tanto pola mañá como pola tarde, para que pasen un día o máximo de entretido”. Ao xantar o menú estivo composto de arroz negro, solombo de porco con cebola caramelizada e mousse de limón. 

Freire Rancaño quixo “salientar o bo ambiente que nos atopamos entre todos estas persoas e os traballadores da residencia. Puidemos pasar un anaco moi agradable con todos eles, conversando e compartindo as súas vivencias do día a día, e convidándoos tamén a que participen destas actividades que teñen preparadas para todos eles”.

Na súa visita á residencia Mónica Freire estivo acompañada da directora do centro, Carmen Rubiños, e polo asistente social do Concello, José Luis Gegunde.