Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O BNG abordará hoxe, no pleno de Viveiro, a situación de Alcoa

Por 2 Outubro, 2019Sin comentarios

O BNG de Viveiro levará a pleno de outubro mocións coma a de salvagardar os postos de traballo en Alcoa e auxiliares, co fin de demandar ao Goberno Estatal medidas urxentes para paliar así a crise da industria electrointensiva galega, e que a Xunta de Galiza abandone tamén, a súa posición de deixadez e actúe máis alá das declaracións electoralistas.

O 17 de outubro do pasado ano 2018, a empresa Alcoa anunciara aos cadros de persoal de A Coruña e Avilés así como publicamente, a intención de pechar as instalacións da empresa. Foron diversas as demandas dos traballadores e os debates políticos arredor de como arbitrar unha saída que supoña o mantemento dos postos de traballo e da actividade industrial, ao considerar estratéxico o sector do aluminio. Unha preocupación e unha mobilización que se estendeu a Alcoa San Cibrao.

Finalmente, consumouse a compra por parte do Grupo Parter o pasado 21 de xullo, dando un respiro a nove longos meses de angustia e preocupación. Porén, cómpre recordar tamén que isto non significaba tampouco a reactivación inmediata da produción nestas fábricas e que continúa a inestabilidade do sistema enerxético. Polo tanto, estes factores fan que a preocupación continúe sobre estas factorías, sobre San Cibrao e sobre outras industrias galegas altamente dependentes da enerxía.

Desde entón, téñense dado diferentes situacións que fan crecente a preocupación do BNG sobre a situación, máis concretamente a de San Cibrao. O pasado 21 de agosto o Comité de Empresa denunciaba, despois  dunha reunión co novo presidente de Alcoa no Estado Español, que a empresa mantiña a parada das 32 cubas até o 23 de setembro, cuestión preocupante e que recorda á situación previa de A Coruña e Avilés. Así mesmo, o Comité de Empresa facía públicas unha serie de esixencias á Xunta de Galiza o pasado 23 de agosto.

Para o BNG os indicios sinalados polo Comité e a incapacidade do Goberno do Estado en funcións para impulsar calquera mudanza no marco enerxético ou industrial deben ser motivos suficientes para que a Xunta de Galiza abandone tamén, a súa posición de deixadez e actúe máis alá das declaracións electoralistas que estamos no Bloque acostumadas a escoitar de cotío.

Por todo isto, solicitamos ao pleno da corporación municipal de Viveiro a adopción dos seguintes acordos, co fin de demandar ao Goberno Estatal as seguintes medidas urxentes co fin de paliar a crise da industria electrointensiva galega: aprobación inmediata do estatuto de electrointensivas tendo en conta as achegas do sector galego, coa inclusión dun paquete de medidas compensatorias polos atrasos antes do final de 2019. En segundo lugar, a planificación da substitución do sistema de poxa de interrumpibilidade por unha regulación estábel que permita prezos competitivos no sector con compromisos no mantemento do emprego. E a consideración, no futuro sistema enerxético, do papel de produtor de Galiza, que deberá ser beneficiada no prezo a través dunha tarifa eléctrica galega que compense polos custes ambientais e sociais de soportar a xeración.

Aparte, o BNG tamén solicitou do goberno vivariense a eliminación de toda simboloxía franquista do Barrio do Chao en aplicación da Lei de Memoria Histórica, facendo fincapé na substitución das placas que están baixo a estatúa de San Rafaeliño, as cales nombran ao fascista Antonio Pedrosa Latas.

Presentan asemade a moción para declarar a cidade do Landro libre de contaminación electoral, dende a cartelería colada como a suxeitada en iluminarias, sinais, postes, pontes… en todos os seus formatos, para a cal habilitaráse por parte do ente local, naqueles espazos públicos máis estratéxicos das parroquias do concello, soportes (paneis, taboleiros…) temporais ou permanentes acordes coa estética da contorna.

Sobre os locais que están en propiedade do Concello de Viveiro preguntarán sobre a relación nos que o concello e as asociacións e colectivos desenvolven actividades culturais, deportivas ou de ocio. Así como a dos locais que algunhas entidades teñen cedido ao Concello e os criterios de cesión dos mesmos.

Tamén se interesarán os nacionalistas pola rehabilitación do acceso aos Espiñeiros en Celeiro e por que pasou coa promesa do PSOE de Viveiro que incluso levaban no seu programa electoral sobre o proxecto de rehabilitación e adecentamento deste lugar, que da paso a vivendas, garaxes e locais, e para cando teñen pensado executalo.