Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Piden en Viveiro a urxente reparación dunha estrada

Por 2 Outubro, 2019Sin comentarios

As iniciativas presentadas polo grupo popular protagonizarán unha parte da sesión plenaria que celebra en Viveiro este mércores. Mocións, rogos e preguntas populares figuran no orde do día. En todos os casos son iniciativas que parten de preocupacións e desexos dos veciños máis directamente afectados, aos que os concelleiros do PP dan voz no salón de plenos. Unha delas persegue que o Concello repare a estrada local que parte do quilómetro 1,5 da LU-661 e que conduce ao lugar de Carreira, en Fontecoba. Esta vía, segundo destaca o PP, está en moi mal estado e crea grave risco para o tráfico.

É preciso reparar as pontes que dan acceso a vivendas e fincas e o pintado, polo menos lateral, da sinalización horizontal. Reclaman tamén a limpeza do río Fontecoba. Noutro rogo, os edís populares solicitan a retirada de inmediato dos materiais de obra, vehículos e outros obxectos depositados no campo de fútbol Marcos Gómez; tamén consideran necesario que se habilite o espazo de detrás da portería que da a praia para distintas actividades deportivas.

Os populares presentan varias preguntas ao goberno municipal. Por un lado, queren saber se os responsables municipais coñecían o programa, financiado con fondos europeos Wifi4EU, para promocionar a conectividade wifi gratuíta en espazos públicos. Se o coñecían, queren saber por que non solicitaron o correspondente bono en ningunha das tres convocatorias e se o pedirán no futuro. Por último, os concelleiros populares preguntan por que, segundo os datos de que dispoñen, non se paga aos xubilados do Concello, e desde cando, o incentivo previsto no convenio de persoal laboral.

Unha das mocións, como xa se anunciou, ten por obxectivo reclamar ao Goberno medidas para garantir o futuro das plantas de Alcoa en San Cibrao. O grupo municipal do PP espera que todos os grupos, sen distinción, apoien instar ao Goberno a realizar todas as accións necesarias encamiñadas a garantir os centros produtivos e os postos de traballo das factorías de Alcoa en San Cibrao. Por outro lado, a proposta popular ten por finalidade instar ao Goberno central a garantir un marco enerxético estable e competitivo e aprobar, de xeito inmediato, o estatuto de apoio ás empresas electrointensivas, no que se incorporen as alegacións presentadas en conxunto pola Xunta de Galicia e as compañías galegas.

Outra moción do grupo popular ten por finalidade a adaptación de parques públicos para o uso compartido por persoas e animais de compañía. Os populares propoñen acotar zoas de distinto uso. Os concelleiros do PP suxiren crear unha comisión formada por políticos, técnicos e veciños para acordar a ubicación de ditas áreas compartidas; o PP opta por crear unha delas no parque que hai fronte ao Ecce Homo, na Misericordia.