Xove invita á Festa do Ramo de Xuances con callos e bailes

A asociación cultural Alto do Cruceiro organiza xunto ao Concello de Xove a Festa do Ramo, dende o venres 4 ao sábado 5 e domingo 6 de outubro, no Alto do Cruceiro. Recupérase a festa despois de 13 anos sen celebrarse. O lugar de celebración será no campo de Onofre Louzao, un recinto inaugurado hai catro  anos en honra ao máximo promotor desta festividade e falecido hai seis anos.

Este recinto está ubicado nas inmediacións do centro social do Alto do Cruceiro, a uns 150 metros da estrada nacional Viveiro-Ribadeo, polo que o acceso á mesma é moi sinxelo. Disporán dunha gran carpa e de amplos aparcamentos na contorna.

En canto ao amplo programa de actividades, destaca a celebración da Festa dos Callos, no seu 13 aniversario, que terá lugar o venres 4 de outubro a partires das 20 horas. Trátase dunha festa gastronómica, na que os participantes, polo módico prezo de 6 euros, van poder degustar unha abundante ración de callos, pan e viño. En total serviránse máis de 1000 racións. Para conseguilas, no mesmo lugar da festa hai un posto onde os visitantes van poder adquirir tickets por valor de 6 euros, que cambiarán polas conseguintes racións de callos.

Co estómago ben cheo, rematará a festa cun bo programa de baile a partires das 23 horas da noite, amenizado pola orquestra Los Satélites e a Disco Móvil Olympo.

 En canto ao programa de actividades previsto para o sábado 5 de outubro, figura ás 14.00 horas a sesión vermú a cargo do Grupo Pekados, ás 18.00 o partido de solteiros contra casados, no campo anexo ao da festa e ás 22.30 horas, verbena co Pekados e a orquestra Compostela.

Para rematar a festa, o domingo 6, haberá ás 13.00 horas misa solemne e procesión, acompañada polos gaiteiros de Saíñas e ás 14.00 horas, sesión vermú co Dúo Zafiro.

Para rematar, a Comisión quere darlle as grazas a tódalas persoas, institucións, empresas, entre outros, que, de forma desinteresada, colaboran coas festas como ao Concello de Xove, comercios da zona e un especial agradecemento para os veciños. 

Etiquetas