A programación cultural de outubro no Vicedo rematará co Samaín

A programación cultural do Concello do Vicedo para principiar o outono arrinca este venres, día 4, ás 17 horas, cun contacontos de María Lado titulado A ovella Engracia, que se escenificará ás 17 horas, na casa de cultura. Trátase dunha función dirixida aos cativos de entre cinco e doce anos que organiza a biblioteca vicedense, en colaboración coa Xunta, xa que forma parte do programa Ler conta moito. As citas culturais do mes rematarán co desfile de Samaín.

ORNITOLOXÍA. Pero namentres, cabe lembrar que dende este venres e ata o día 6, as oficinas de información xuvenil do Vicedo e de Mañón organizan o curso de turismo, educación e ocio vinculados á ornitoloxía, sobre o que se pode obter máis información na web www.cursoturismoornitoloxico.gal. De feito cabe destacar que a partir das 9 horas na Casa da Cultura do Vicedo terá lugar unha charla aberta ao público en xeral que tratará o potencial do turismo ornitolóxico desde unha perspectiva xeral e tamén a posible aplicación á comarca, de maneira que abordará as claves do turismo ornitolóxico a nivel tanto global como en España e Galicia. A charla, que correrá a cargo do experto ornitólogo galego Antonio Sandoval,  é aberta ao público en xeral pero principalmente dirixida ao sector do turismo (hostelería, comercio, empresas de servicios turísticos, concellos, etc).

MÁIS ACTIVIDADES. O domingo, día 6, ás 19.30 horas, o grupo Curuxán Teatro actuará de balde na escola de Vilar, en San Román.

Os contos seguirán centrando a programación cultural vicedense o 10 de outubro, xa que a partir das 17 horas, neste caso falarán sobre a saúde e correrán a cargo de Lucas Requejo.

O 19 de outubro, ás 20 horas, o grupo de teatro focense O Batán porá en escea a obra Bicos de sangue e ao escenario subirá tamén o espectáculo de Títeres Garabato o 24, ás 17 horas, para presentar Unha armadura con ferruxe. Todas as actuacións mencionadas desenvolveranse na casa da cultura.

As citas rematarán, como case en tódala comarca, coa celebración do Samaín neste caso cun desfile polas rúas do Vicedo o 31, previsiblemente en torno ás 20 horas.

Xa para novembro prevén repetir a Festa dos Avós, un encontro interxeracional cos netos.

Etiquetas