No IES de Mondoñedo aprenden a usar os drons contra as pragas do campo

O Concello de Mondoñedo organiza a segunda xornada formativa de aplicación de drons á Horta de Mondoñedo. Desenvolverase este venres, día 4 de outubro, no IES Plurilingüe San Rosendo.

Con esta iniciativa, impulsada pola entidade local, en colaboración coa Xunta de Galicia, os alumnos de dito centro educativo poderán completar a formación que cursan diariamente nos distintos ciclos de Formación Profesional relacionados coa materia. Concretamente, segundo apuntan dende a organización, os estudantes recibirán formación teórica e práctica do uso destes dispositivos (UAV-Drones) para os sectores da agricultura e forestal, e para a erradicación de pragas como a velutina. 

A alcaldesa da localidade, Elena Candia, agradece a participación dos expertos, así como a colaboración da administración autonómica. “Estou convencida de que será un encontro moi positivo dende o punto de vista da formación que xa ofrecemos no noso IES”, apunta. Neste senso, a rexedora convida aos estudantes a participar activamente nas conferencias, sobre todo, porque serán impartidas por “grandes especialistas” no uso destes dispositivos que, cada vez, están a ter unha maior aplicación para o desenvolvemento dos sectores agrícola e forestal. “Sabemos que na I+D+I está o futuro, así que agardo que a iniciativa sexa todo un éxito para que dende o Concello sigamos pensando en novas edicións”, destaca.

PROGRAMACIÓN. A inauguración será ás 10.00 horas e correrá a cargo da alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e do director do IES, Carlos Iglesias. Ás 10.15 horas, técnicos da empresa Ingeniería Insitu disertarán sobre o uso dos drons para a agricultura e súa aplicación para control dos cultivos. Seguidamente, ás 11.00 horas, especialistas de Fortop explicarán  a utilidade destes aparellos para a fumigación. A xornada concluirá cunha última charla a partires das 12:00 horas. Neste caso, serán os técnicos de WT Drones Solutions SL os que exporán o manexo dos drons para a agricultura e o sector forestal, así como para o control de pragas como a velutina.

Etiquetas