Skip to main content
ActualidadeBarreirosSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A alcaldesa de Barreiros propón que os veciños participen nos plenos

Por 6 Outubro, 2019Sin comentarios

O goberno de Barreiros, que rexe a nacionalista Ana Ermida, somete a debate e aprobación inicial no pleno que se celebrará o vindeiro luns ás 20.30 horas, o regulamento orgánico municipal, que permitirá ás veciñas e veciños tomar parte nas sesións plenarias, tanto nos puntos da orde do día nos que poidan ter interese, como formulando cuestións de interese xeral en forma de rogos ou preguntas.

A alcaldesa, Ana Ermida, explica que “do que se trata é de fomentar a participación das veciñas e veciños na vida municipal para facer que os plenos sexan de interese para a xente e se convertan en reunións útiles para trasladar os problemas xerais de primeira man.”

Con esta normativa, que unha vez aprobada o luns terá que publicarse para a presentación de alegacións se alguén o desexa, e posteriormente aprobarse de xeito definitivo. A intención do goberno municipal é que poida poñerse en funcionamento no vindeiro pleno de novembro e dese xeito garantir legalmente a participación veciñal nas sesións plenarias.

O texto establece que cando unha entidade ou un veciño ou veciña formule unha proposta de actuación municipal de interese xeral ou unha iniciativa popular, a persoa autora ou representante poderá intervir na sesión do Pleno que corresponda, aos efectos de explicala e defendela antes de que o Pleno entre no debate do dito asunto.

Tamén contempla unha quenda de rogos e preguntas por parte do público asistente á sesión, que versarán sobre temas concretos de interese municipal, non podendo ser obxecto de tratamento plenario intereses particulares concretos. Ao igual que a posibilidade de dirixir preguntas por escrito á presidencia para ser lidas e respostadas unha vez finalizada a quenda de rogos e preguntas incluída na orde do día, sempre que se fixeran chegar con indicación de interese para tratamento pola corporación con unha antelación mínima de 24 horas previas á celebración do mesmo.

O regulamento tamén prevé a creación de Consellos Parroquiais e Sectoriais ou outras formas de participación directa para canalizar a participación das asociacións na vida municipal e coordinar a súa actividade; así como un Rexistro Municipal de Asociacións para a inscrición das entidades do mesmo.

Ana Ermida asegura que “o regulamento é o primeiro paso dun Concello máis participativo e democrático, que fomente a implicación veciñal na vida municipal e colaboración entre a institución municipal e outras entidades para unha mellor xestión e aproveitamento dos recursos públicos dun xeito obxectivo, eficiente e transparente.”