Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Críticas en Mondoñedo por unha obra na praza da Catedral

Por 6 Outubro, 2019Sin comentarios

Comerciantes e membros da oposición ao goberno da popular Elena Candia en Mondoñedo están soliviantados porque segundo afirman o Concello non informou, nin permitiu alegar, a un proxecto de reforma na Praza da Catedral que previsiblemente se vai levar a cabo despois das festas das San Lucas.

Eloi Cabanas Ramos, concelleiro portavoz do Bloque Nacionalista Galego na Corporación Municipal de Mondoñedo, plantexa esta cuestión para o seu tratamento no vindeiro pleno como moción que persegue que o Concello expoña ao público o proxecto básico e de execución do acondicionamento da praza da catedral para a mellora do uso público, antes da súa aprobación definitiva. A portavoz socialista, Esperanza González, tamén se suma a esta protesta e engade que ten falado con comerciantes afectados que non sabían que se ían executar os traballos.

O goberno municipal está a promover, insiste en sinalar o BNG local, a reforma da Praza da Catedral coa idea de mellorar a funcionalidade desde o punto de vista da súa utilización polo público en xeral. A proposta de intervención que se pretende realizar na praza foi redactado pola arquitecta Gloria Margarita Trigo Mayor en xuño do 2019 e describe a ampliación do Cantón Grande desprazando as escaleiras dous metros cara a Praza da Catedral, así como adiantar o muro norte 2,5 metros para habilitar un paseo superior.

As obras proxectadas tamén contemplan trasladar os taxis a outro lugar sen definir do entorno, eliminar os colectores do lixo da praza así como cortar esta ao tráfico.

Desde o BNG entenden que un proxecto de tal magnitude debe ser un proxecto de cidade e require que as decisións que se tomen deben responder ao resultado dun estudo pormenorizado para que logo as obras non causen danos imposibles de reparar neste espazo tan singular da cidade. Cren necesario que se dea a coñecer ao público a transformación que se lle quere dar ao entorno para que a veciñanza ou colectivos interesados podan alegar ou aportar o que consideren convinte antes de que o concello tome unha decisión definitiva da intervención na praza.

Tendo en conta que o Casco Antigo da cidade foi declarado Ben de Interese Cultural segundo a norma D.91/1985, que a Catedral Basílica da Asunción está declarada Monumento Nacional desde 1902 que a Praza da Catedral é un elemento catalogado polo Plan Especial de Reforma Interior do Casco Histórico de Mondoñedo e que a catedral, xunto co Camiño Norte de Santiago, está tamén declarada Patrimonio da UNESCO desde o ano 2015, o BNG de Mondoñedo, solicita do Pleno da corporación instar ao goberno municipal a que saque a exposición pública o proxecto básico de execución do acondicionamento da praza da catedral para mellora do uso público antes da súa aprobación definitiva e que concrete as modificacións no sentido do tráfico nas rúas adxacentes, así como o novo enclave do mercado semanal e da parada de taxis unha vez modificada a praza.