O trail barreirense do Comado conta con máis dun cento de inscritos

A asociación Praias de Comado presentou oficialmente o trail e a carreira de media distancia vertical que terá lugar no municipio de Barreiros a segunda fin de semana de outubro.

Os compoñentes do colectivo organizador, ACD Praias de Comado, xunto con Daniel García, concelleiro responsable da área de Dinamización e Participación Social, e Manuel Otero Méndez, Manolo ‘Cadramón’, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, presentaron a denominada Comado 2019: unha nova edición da carreira e trails que terán lugar en dito monte do concello barreirense. 

A cita deportiva, que terá lugar os días 12 e 13 de outubro, conta coa colaboración das administracións municipal e autonómica. Trátase da quinta edición do Trail Monte Comado e sexta da carreira 1/2 vertical, o que fai desta ocasión deportiva xa un referente no calendario deportivo mariñao. 

Ao igual que en anteriores edicións, o 1/2 vertical terá lugar na tarde do sábado 12 de outubro ás 16.30 horas, saíndo da praia de Arealonga e rematando no mesmo Monte Comado, lugar onde terá tamén lugar a carreira infantil. No día seguinte, domingo 13 de outubro terá lugar o Trail Monte Comado, do cal se diferencias dúas modalidades: percorrido curto, de 10 kilómetros; e percorrido longo, de 28.

No caso do percorrido curto, a saída terá lugar ás 10.30 horas nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante, consistindo nun percorrido circular que acade o cumio do monte e tendo lugar a meta no mesmo lugar da saída.

No caso do percorrido longo, a saída estará situada na Ponte do Barral, en Celeiro de Mariñaos e a meta estará igualmente situada nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante, téndose pasado previamente polos monte Cornería, paraxe natural de Santo Estevo do Ermo, e montes Penabor, Lousedo e Comado. Neste caso haberá servizo de bus, debendo estar nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante ás 9 horas todas as persoas que desexen participar para ser trasladadas á saída, que será ás 9.30. 

A presentación desta cita deportiva tivo lugar no lugar da Roda, na parroquia barreirense de Santiago de Reinante, xacemento arqueolóxico de renomeada importancia, que será tamén bordeado polas persoas que participen en calquera das 3 modalidades adultas. 

As inscricións estarán abertas ata o mércores 9 de outubro, sendo xa preto dun cento as persoas apuntadas para participar. A modalidade infantil é de balde, e no caso das modalidades adultas, a inscrición inclúe de agasallo unha árbore autóctona e un turbante técnico para o caso do 1/2 vertical, e un vaso plegable a maiores para os Trail longo e curto. Igualmente, a inscrición en calquera das dúas modalidades de Trail inclúe a participación de balde no 1/2 Vertical. Todos os percorridos contarán con avituallamento en varios puntos, así como unha merenda a base de pinchos para todas as persoas participantes, ao remate das probas. 

Toda a información referida a esta nova edición, así como a pasarela de inscricións, están dispoñibles na páxina web https://mediokmverticalmontecomado.jimdo.com/

Etiquetas