Críticas por fixar como festivo en Viveiro o luns do Naseiro

«Quedámonos sós no pleno na defensa do comercio de Viveiro», di o portavoz municipal do PP, Óscar Rodríguez, á vista de que os outros grupos acordaron fixar o segundo día festivo local como non querían os representantes do sector que máis xente emprega na cidade do Landro. Foi, sinala Rodríguez, un pleno moi longo, maratoniano, no que o PP representou, unha vez máis, a voz e as aspiracións dos cidadáns de Viveiro.

No 2020, o día de San Roque, un dos festivos locais tradicionais, cae en domingo. Por ese motivo, estudouse o cambio. Finalmente, desoíndo os desexos do comercio de Viveiro, e contra o parecer dos concelleiros do PP, o pleno fixou como festivo local o luns do Naseiro.

Óscar Rodríguez sinala que o seu grupo defendeu o que demandaban os comerciantes, que era o traslado do festivo local ao 2 de novembro. Rodríguez destaca: «Non podemos entender por que se tomou unha decisión que contraría os desexos dun sector que atravesa unha crise e que é dos que máis emprego xera en Viveiro».

Os populares viron saír adiante as dúas mocións que presentaron. A proposta para instar ao Goberno a adoptar medidas para garantir o futuro de Alcoa foi aprobada por maioría. A iniciativa popular tiña por finalidade instar ao Goberno central a garantir un marco enerxético estable e competitivo e aprobar, de xeito inmediato, o estatuto de apoio ás empresas electrointensivas.

Polo seu lado, a moción para crear espazos compartidos para persoas e animais de compañía tamén mereceu o respaldo por maioría dos membros da corporación municipal. A iniciativa aprobada incluía crear unha comisión formada por políticos, técnicos e veciños para acordar a ubicación de ditas áreas compartidas

Rodríguez destacou que na sesión quedaron preguntas do PP por responder, como é o caso das que fixeron en relación con retraso no pago aos xubilados municipais do incentivo previsto no convenio de persoal laboral.

Etiquetas