Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O club Ximnasia Viveiro acadou o terceiro posto no campionato Galego

Por 7 Outubro, 2019Sin comentarios

O conxunto benxamín composto por Adriana Pérez, Icía Mariño, Ángela Martínez, Martina Collazo, Icía Lage e Ruth Palmeiro (de esquerda a dereita na fotografía) competiron o pasado domingo día 6 de outubro no Campionato Galego Base en Ourense. Esta actuación supuxo a súa estrea oficial con aparatos, en concreto con cinco pelotas, tras os éxitos que viñeron colleitando en tempadas anteriores nos seus exercicios con mans libres.

As viveirenses xa conseguiron en 2018 o terceiro posto no campionato prebenxamín organizado na localidade pontevedresa de Marín, ascendendo así de Escolar a Promoción. Na súa estrea no nivel de Promoción lograron alzarse coa medalla de prata no Galego da categoría benxamín, tras proclamárense previamente campioas provinciais de Lugo. O subcampionato autonómico conseguido o pasado mes de xuño abriulles a porta ao nivel Base, no que compiten actualmente.

No torneo deste domingo as viveirenses foron superadas polo Club Viravolta Santiago, que foi primeiro, e mais polo Club Pavillón Ourense, que se fixo co segundo posto do caixón tras o concurso sobre o tapiz do Complexo Polideportivo dos Remedios.

Este novo éxito das benxaminas fará que participen por primeira vez no campionato español de ximnasia rítmica que se celebrará do 7 ao 10 de novembro en Pamplona. Ao evento da capital navarra tamén acudirán as ximnastas das categorías cadete e xuvenil do club viveirense, dous conxuntos con experiencia neste tipo de competicións tras o seu debut no campionato de España 2018 que tivo lugar en Murcia.