Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Prevén instalar nos faros dotacións culturais e turísticas

Por 7 Outubro, 2019Sin comentarios

A Xunta e Puertos del Estado acordaron desenvolver xunto coas distintas autoridades portuarias galegas unha estratexia para planificar dotacións culturais e turísticas nos faros da Comunidade que actualmente non contan cun uso habitacional. Así o avanzaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente de Puertos del Estado, Salvador de la Encina, tras unha xuntanza mantida hoxe en Madrid.

Segundo detallaron, os futuros usos de cada un dos equipamentos será avaliado en función das súas características, tendo en conta as necesidades do entorno local. Con este fin, convocarase unha xuntanza de planificación con representantes da Xunta, Puertos del Estado e das diferentes autoridades portuarias galegas que sirva de folla de ruta para facilitar a posta a disposición á sociedade destes equipamentos de gran interese patrimonial e paisaxístico dun xeito planificado, facilitando a xestión dos trámites administrativos en espazos tan sensibles como o dos emprazamentos dos faros. 

En concreto, o titular de Cultura e Turismo subliñou que esta estratexia permitirá xerar diferentes produtos turísticos e culturais especializados en diferentes emprazamentos costeiros da xeografía galega, favorecendo un turismo de alta calidade. De feito, avanzou que esta iniciativa aportará unha visión integral que terá en conta proxectos xa existentes como a Ruta dos Faros ou a Senda dos Faros e permitirá deseñar un itinerario de gran interese paisaxístico para fomentar o descubrimento do litoral e a posta en valor dos recursos territoriais.

Pola súa banda, o presidente de Puertos del Estado amosouse moi receptivo á proposta da Xunta, asegurando que o proxecto Faros de España experimentaría un notable avance, tratando de axilizar os trámites obrigatorios para este tipo de proxectos. 

Román Rodríguez apuntou que, na actualidade, o turismo mariñeiro destaca por promover o desenvolvemento dos distintos territorios dun xeito sustentable, respectando os valores de cada zona. Precisamente, avanzou que o Goberno galego traballa xa na posta en marcha dun itinerario litoral que permita ás zonas costeiras xerar unha oferta turística baseada na súa riqueza patrimonial e cultural.

Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo recordou que Galicia é a Comunidade con máis quilómetros de costa e conta, así mesmo, cunha ampla diversidade paisaxística e patrimonial vinculada ao mundo marítimo pesqueiro e unha ampla oferta gastronómica baseada nos produtos do mar. Nesta estratexia, que está chamada a ter un papel moi importante no post Xacobeo 21, búscase crear unha oferta turística e cultural que posibilite o coñecemento dalgúns dos espazos máis emblemáticos da costa galega.