Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Viveiro informa á Xunta sobre a eliminación de verquidos á ría

Por 7 Outubro, 2019Sin comentarios

O Concello de Viveiro, rexido pola alcaldesa socialista María Loureiro, remitíulle á Consellería de Infraestructuras e Mobilidade a resposta municipal ao informe emitido polo Xerente de Augas de Galicia e enviado ao ente local, o 2 de outubro de 2019, sobre as principais deficiencias detectadas no sistema de saneamento do Concello de Viveiro. A alcaldía contesta que xa era coñecedora da existencia de deficiencias no saneamento municipal, nas que leva tempo traballando co fin de conseguir o saneamento integral da Ría de Viveiro.

O Concello insiste en clarexa que tiña constancia da existencia de entradas de auga de mar á rede de saneamento, a pesar de que xa existen clapetas en todos os aliviadoiros dos bombeos de residuais. Neste sentido cómpre explicar que VIAQUA, empresa concesionaria do Servizo de Augas no Concello de Viveiro, xa vén realizando un mantemento continuo das mesmas para minimizar as infiltracións de augas de mar á rede de saneamento. De todos os xeitos estase estudando a substitución das clapetas instaladas por outras máis eficientes, que garantan a estanqueidade total dos aliviadoiros.

En canto aos colectores, o problema de filtracións ten lugar nos que se atopan por debaixo do nivel do mar, non podendo garantirse a súa estanqueidade pola antigüidade dos mesmos e polo seu propio emprazamento. Este é un problema común a todos os servizos de saneamento das zonas costeiras, non exclusivo do Concello de Viveiro, advierte Loureiro. A solución a este problema dos colectores non é inmediata, pero tratarase de facer unha substitución progresiva dos colectores máis antigos para mellorar a estanqueidade, avanza.

En referencia aos vertidos á rede de saneamento municipal, estase a elaborar un Regulamento do servizo municipal de abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais do concello, no que, entre outros aspectos, xa se regulan os “permisos de vertedura á rede de saneamento” e as limitacións e parámetros que deben cumprir. A medida permitirá o control das vertidos á rede de saneamento municipal.

Sobre aos puntos de vertido detectados polo Plan de Control de Vertidos que leva a cabo Augas de Galicia, cómpre indicar, en primeiro lugar, que o Concello de Viveiro vén traballando dende hai anos na eliminación destes puntos, con resultados evidentes e constatables. Dos doce puntos de vertido inventariados a finais do ano 2017, xa se eliminaron cinco dos máis controvertidos (por tratarse de puntos con elevada carga contaminante e que verquían directamente á ría).

Con respecto aos sete puntos restantes, aos que se fai referencia no informe, faise constar que os puntos V-00414 e V-13211, ubicados na parroquia de Galdo, non son  a día de hoxe competencia do Concello, xa que non existe rede de saneamento nesa zona. Non obstante, o departamento de medio ambiente municipal colaborou con Plan de control de Vertidos remitindo comunicacións aos posibles responsables, coa intención de intentar eliminalos. Nos vindeiros días, avanza Loureiro, iniciaranse as obras recollidas no proxecto Dotación de Servizo de Saneamento na Parroquia de Galdo, que solventarán estes dous puntos. De todos os xeitos, cómpre ter en conta que estes dous puntos son de excasa entidade, vertendo a unha cuneta.

O punto V-00670, situado detrás da Estación de autobuses, segue dado de alta pola existencia dalgún resto de contaminación, a pesar de que a carga contaminante se reduciu considerablemente (pasando de 53.000.000 de E.coli no ano 2016 a 150.000 na actualidade) grazas aos  requirimentos e ao traballo do Concello, que continúa traballando na búsqueda da orixe deses restos. 

Aparte, o punto V-12056 (Chaos-Chavín) non é competencia do Concello por non existir rede de saneamento nesa zona, pero tamén neste caso o Concello colaborou con Plan de control de vertidos contactando cos veciños da zona.

Dos tres puntos restantes, o V-10465 (conservatorio de música) e o V-19685 (Nogarido) están sendo investigados polo Concello e Viaqua e xa se fixeron os correspondentes requirimentos para tratar de dar coa orixe dos mesmos, cousa que non sempre é doado pola complexidade das redes antigas. Con respecto ao punto V-13153 (Landrove) está proxectado solventalo executando unha extensión da rede de saneamento na marxe esquerda LU-540 sentido Vilalba e LU-161.

O Concello de Viveiro clarexa deste xeito o traballo que se vén realizando nesta liña e destaca os avances realizados con respecto ás deficiencias detectadas no sistema de saneamento do concello tendo en conta a complexidade de resolución dalgúns destes puntos. 

Entendemos que o saneamento da ría de Viveiro é o obxectivo principal de todas as administracións implicadas e dende o Concello de Viveiro existe o firme compromiso de seguir traballando nesta liña.

O Concello de Viveiro está a traballar intensamente coa finalidade de eliminar os puntos de vertido existentes, insiste. A Xunta de Galicia sabe que estes puntos se reduciron considerablemente e debería ter constancia de que este é un dos concellos que máis intensamente está a traballar neste liña, colaborando en todo momento co Plan de Control de Vertidos, considera Loureiro.

É evidente, por outro lado, que Viveiro non é o único concello galego que ten puntos de vertido, sinala a alcaldesa, polo que agarda que dende a consellería se actúe cos demais concellos igual que se fixo con Viveiro, remitindo o informe referido e publicando a información do mesmo nos medios de comunicación.