Ribadeo recibiu a 21.000 visitantes en setembro

Durante o pasado mes de setembro pasaron polas oficinas de turismo de Ribadeo e das Catedrais 21.672 persoas. A ocupación hoteleira roldou o 60%. Os datos deunos a coñecer no día de hoxe o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso. 

O edil nacionalista contou que “a oficina de turismo da vila abriu tódolos días en horario de mañá e de tarde, incluído o 8 (festivo local), no que non se abrira o ano anterior, contabilizando un total de 5.631 viaxeiros. Na oficina da vila os días con maior afluencia foron o 4 de setembro con 340 persoas e o 19 de setembro con 293 visitantes. No punto de información turística da praia das Catedrais rexistráronse un total de 16.041 consultas. Os días de maior afluencia foron o 2 de setembro con 810 persoas e o día 13 con 801viaxeiros atendidos”.

Sobre as pernoitas Pablo Vizoso explicou que “segundo os datos rexistrados nesta oficina relativos aos viaxeiros que se aloxan en Ribadeo, o total de persoas aloxadas nos establecementos deste concello foi de 2.440 persoas, das cales 436 se informaron no punto de información turística das Catedrais e 2.004 o fixeron na oficina de turismo de Ribadeo. Despois de facer unha sondaxe entre os establecementos hoteleiros do concello, a ocupación neste mes de setembro foi dun 60%”.

O concelleiro de Turismo referiuse tamén á procedencia das persoas que visitan Ribadeo: “Madrid segue a ser o principal emisor con 2.740 persoas entre as dúas oficinas. Na oficina da vila as seguintes rexións emisoras son Castela e León e Andalucía e no posto de información das Catedrais son Galicia e Andalucía. No tocante ao turismo estranxeiro, os viaxeiros procedentes de Francia son os que máis visitaron o noso concello neste mes de setembro, xunto cos procedentes de Alemaña e Arxentina. Outros países emisores destacables foron Reino Unido e Italia. Na oficina de Ribadeo cabe salientar tamén o incremento dos turistas procedentes de Oceanía con respecto ao ano pasado, en concreto de Australia e Nova Zelandia”.

Vizoso subliñou que “o turismo procedente do resto do estado supuxo algo máis do 80% e o estranxeiro aproxímase ao 20%”. 

O edil ribadense engadiu que “tamén é importante o turismo organizado que chega a Ribadeo. Un total de 102 grupos con 4.996 persoas acudiron a solicitar información ás nosas oficinas durante o pasado mes. Na oficina de turismo do centro contabilizáronse un total de 32 grupos organizados con 1.449 persoas, mentres que polo punto de información da Praia das Catedrais pasaron un total de 70 grupos con 3.547 viaxeiros”.

Pablo Vizoso manifestou que “tamén hai que destacar que foron 517 peregrinos foron os que solicitaron información na oficina de turismo da vila, o que supón un lixeiro incremento con respecto do mesmo mes do ano pasado, isto mostra un crecemento continuo dos peregrinos que elixen o Camiño Norte ó seu paso polo noso concello na súa peregrinaxe cara a Compostela”.

Etiquetas