Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Os socialistas queren recuperar o servizo 24 horas da ambulancia de Foz

Por 10 Outubro, 2019Sin comentarios

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa das súas deputadas e do seu deputado, Patricia Otero Rodríguez, Julio Torrado Quintela e Noela Blanco Rodríguez, a través do portavoz e ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presentou ante esa mesa a proposición non de lei para o seu debate na Comisión 5a. 

O pasado día 29 de maio de 2019 publicáronse os pregos de condicións técnicas do concurso público para a prestación do servizo de transporte sanitario urxente ofertado polo Servizo Galego de Saúde e a Fundación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. 

No novo concurso público de servizos de transporte sanitario urxente, que se atopa en fase de licitación, o persoal das ambulancias estará composto por dúas persoas técnicas de emerxencias, un medico ou unha médica e un enfermeiro ou enfermeira, agás nas ambulancias de Foz, Monforte e O Salnés, onde a Xunta de Galicia suprime un destes técnicos nos pregos. 

Este servizo de urxencias extrahospitalarias atende patoloxías tempodependentes, é dicir, onde a vida dos doentes corre perigo, e con este novo servizo non se pode asegurar a calidade na atención das persoas. O equipo humano é fundamental para atender esas patoloxías ou situacións, e polo tanto, a presenza dos dous técnicos para poder localizar e chegar o punto da emerxencia é fundamental sobre todo nunha zona rural como é o ámbito de actuación deste recurso de soporte vital avanzado. 

Na actualidade a ambulancia medicalizada con base en Foz conta en cada quenda de garda con dous T.E.S, un médico e un DUE, coma o resto de ambulancias medicalizadas do territorio galego. Tras o recorte de persoal a dotación humana só estará formada por un TES, un médico e un DUE, situación que non se producirá no resto das ambulancias medicalizadas de Galicia. 

Esta supresión dun T.E.S na ambulancia de Foz suporá diferencias na atención que sufrirán os habitantes de Foz e da Mariña lucense en xeral e creará a figura de pacientes de primeira e de segunda. 

O Partido Popular de Galicia ataca unha vez máis a sanidade pública da Mariña de Lugo, con este novo recorte de persoal. 

“Desde o Grupo Socialista pedímoslle ao Goberno do Partido Popular da Xunta de Galicia que garanta, para a Mariña de Lugo, a igualdade de condicións coas ambulancias medicalizadas do resto de Galicia” din os socialistas. 

“A maiores no ano 2011 recortouse o horario da ambulancia asistencial con base en Foz. Un servizo que, a día de hoxe, segue cun inxustificado horario recortado a 12 horas, que empeora os tempos de resposta do servizo. Por iso o PSOE presenta a proposición non de lei” engaden.

Modificar o novo concurso para o Servizo de Transporte Sanitario Urxente Terrestre da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de xeito que se manteñan as dúas persoas técnicas de Emerxencias Sanitarias na ambulancia medicalizada de Foz. E recuperar o horario das 24 horas para a ambulancia de asistencia con base en Foz.