A subdelegada do Goberno, satisfeita pola tendencia favorable da seguridade cidadá en Mondoñedo

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, expresou a súa satisfacción pola tendencia favorable que está a experimentar a seguridade cidadá no Concello de Mondoñedo, segundo reflicten as estatísticas da Garda Civil. 

Isabel Rodríguez deu conta da evolución da criminalidade en Mondoñedo na sesión que celebrou a Xunta Local de Seguridade, que copresidiron a subdelegada do Goberno e a alcaldesa, Elena Candia. Na xuntanza, celebrada esta mañá na Casa do Concello tamén participaron representanes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autómica e a Policía Local.

A subdelegada informou de que a criminalidade experimentou en 2018 un descenso do 4,35% respecto ao ano anterior e nos oito primeiros meses  de 2019 continuou a tendencia á baixa, con un descenso neste período do 45,16%.

De acordo cos datos oficiais da Garda Civil, a taxa de criminalidade en Mondoñedo no 2018 foi do 12,09 por mil habitantes. En total rexistráronse 44 infraccións penais, 26 por delitos graves e menos graves e 18 por delitos leves. Esta cifra supón que a delincuencia experimentou en 2018 un descendo do 4,35% con respecto ao ano anterior, cando se rexistraron no municipio 46 infraccións penais.

En canto á evolución da criminalidade neste ano, a evolución segue a ser favorable, xa que, segundo os datos dispoñibles, entre xaneiro e agosto rexistráronse 17 denuncias menos por infraccións penais, 14 menos que no mesmo período do ano anterior, o que supón un descenso do 45,16%. 

O maior descenso produciuse nos delitos contra o patrimonio, que baixaron de 16 a 6 (-62,5%).

A subdelegada do Goberno tamén fixo referencia á situación da violencia de xénero neste concello e informou de que entre os meses de xaneiro e setembro deste ano rexistrouse en Mondoñedo 1 denuncia por violencia machista. A cifra total de denuncias no ano 2018 foi de 4. 

Isabel Rodríguez fixo referencia tamén ao labor da Garda Civil en materia de seguridade escolar. Neste sentido, detallou que no curso 2018/2019 a Garda Civil impartiu 8 charlas sobre acoso escolar, riscos na Internet e novas tecnoloxías, alcohol e drogas e violencia de xénero destinadas ás comunidades escolares do IES Plurilingüe San Rosendo e o CEIP Álvaro Cunqueiro. Especial  impacto tivo a charla sobre violencia de xénero impartida no IES San Rosendo na que o Equipo do Plan Director da Garda Civil e a Unidade contra a Violencia sobre a Muller da subdelegación do Goberno contaron coa participación do cantante Blas Cantó. 

Etiquetas