Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Galicia regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros

Por 14 Outubro, 2019Sin comentarios

A consellería do Mar vén de tramitar un proxecto de decreto polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros de Galicia co obxectivo de adaptar a regulación desta actividade á situación actual do sector e mellorar a eficiencia na resolución dos procedementos relacionados coa elaboración e desenvolvemento das actividades dos plans de xestión marisqueira. O texto desta nova norma, que foi aprobado polo Consello da Xunta para continuar coa súa tramitación e sometelo ao ditame do Consello Consultivo de Galicia, establece a gobernanza dos recursos marisqueiros mediante un novo concepto de plans de xestión con obxectivos -tanto biolóxicos como ecolóxicos e socioeconómicos- a tres anos.

Este período de tres anos considérase axeitado para observar a evolución e os posibles cambios de tendencia nos recursos, polo que o decreto establece que nos próximos anos se prorrogarán tanto o Plan Xeral de Explotación Marisqueira de 2019 como os plans de xestión para recursos específicos deste ano co obxectivo de que o primeiro plan de xestión trianual de marisqueo de recursos xerais sexa o do período 2021-2023 e que o primeiro de recursos específicos sexa o dos anos 2022-2024.

Non obstante, co obxectivo de responder a novas iniciativas do sector produtor como a xestión de novos recursos, novas zonas principais de traballo ou o emprego de novas técnicas ou artes regulamentarias, poderán aprobarse novos plans de xestión de vixencia inferior a tres anos, o que permitirá determinar a súa viabilidade antes de que sexan incorporados como plans trianuais.

Esta nova regulación da actividade cunha configuración plurianual mantén o enfoque da coxestión e gobernanza dos recursos coa participación do sector e establece un marco flexible que permite, durante o seu desenvolvemento, adaptar as medidas de xestión á situación existente previa consulta coas entidades titulares dos plans de xestión.

En canto ás habilitacións para marisqueo a pé e desde embarcación, ao igual que os plans, terán carácter trianual e prorrogaranse os actuais ata que comece a aplicarse o primeiro plan trianual. Neste sentido, co obxectivo de favorecer a renovación do permiso ante situacións que os profesionais non poden prever ou evitar, computaranse os períodos que a persoa estivo inactiva por causa debidamente xustificada, non limitándose ás causas de forza maior.

Como causa xustificada de inactividade recoñécese ademais o tempo empregado en labores de representación de postos de dirección das confrarías e federacións de confrarías ao tempo que pasa a incluírse dentro das actividades de marisqueo a realización de turismo mariño polos mariscadores en apoio do uso sustentable dos recursos.

AUTORIZACIÓNS EXTRAORDINARIAS

O texto aprobado polo Consello da Xunta tamén prevé a posibilidade de autorizar a actividade extractiva en situacións extraordinarias e datas de celebración sinaladas, Semana Santa ou decembro, co que se podería permitir a extracción en sábados ou festivos sempre que esa posibilidade se recolla no plan de xestión correspondente.

O proxecto de decreto do marisqueo pretende actualizar unha regulación que databa de 1993, do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, e adaptala á situación actual. Nese sentido, a Consellería do Mar entende que esta norma é o instrumento máis axeitado para mellorar a xestión do marisqueo en Galicia ao ampliar os períodos de vixencia dos plans de xestión e ter en conta non só aspectos produtivos ou económicos, senón tamén medioambientais, sociais e de emprego.

O Executivo galego contou coa participación do sector para a elaboración do texto, que foi sometido ao trámite de audiencia e de exposición pública ao tempo que os técnicos da Xunta mantiveron varias reunións coas confrarías e federacións de confrarías co obxectivo de escoitar as súas aportacións. O documento tamén estivo dispoñible na web de transparencia do Goberno autonómico co obxectivo de que calquera cidadán puidese facer suxestións ao texto.