Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Museo do Mar de San Cibrao cumpre 50 anos e engade documentación sobre as mulleres

Por 14 Outubro, 2019Sin comentarios

A Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, participou na celebración do cincuenta aniversario do Museo Provincial do Mar de San Cibrao, o máis antigo de Galicia de iniciativa pública nesta materia. 

Durante o acto celebrado a pasada fin de semana púxose en valor a achega das mulleres na conformación do patrimonio que garda o museo coa descuberta dunha placa homenaxe, obra da artista Violeta Bernardo, co epígrafe A voz das silenciadas. Pero as celebracións continuarán ao longo dos meses.

Ademais, a Vicepresidenta recolleu un arquivo cedido ao museo polos investigadores Chema Leal e Xosé Ramón Fernández Pacios, que recompila arredor de 3.000 documentos localizados en distintos arquivos galegos, españois e internacionais referidos ao papel das mulleres na vida ecónomica, social e cultural da Mariña lucense entre 1650 e 1900.

O material, dixitalizado, servirá así como fonte documental para a investigación da historia da comarca con perspectiva de xénero. “Quen queira indagar como vivían as mulleres da comarca nese período histórico poderá recorrer a este arquivo que inclúe expedientes moi diversos: desde contratos matrimoniais ou denuncias por fillos non recoñecidos ata escritos que documentan as prohicións e normas que se impuñan ás mulleres para descargar sardiña meténdose no mar ou para ir segar a Castela”, detallou o investigador Chema Leal. 

A xornada reuniu a antigos alumnos da escola unitaria que o 11 de outubro de 1969 comezou a funcionar tamén como museo, por iniciativa do mestre Francisco Rivera Casas. “O xerme  foi unha iniciativa pedagóxica. Para achegarnos á cultura do entorno recolliamos cunchas, algas e outros obxectos relacionados coa vida mariñeira. Eses foron os primeiros fondos do museo”, relatou o xornalista Javier Rivera, un dos estudantes e neto do fundador.

Ante un público entre o que estaba o alumnado do CEIP de Cervo, Maite Ferreiro concluíu que “é obrigado coidar o patrimonio que atesoura o museo para  legalo ás xeracións futuras como o recibimos” e agradeceu o traballo do persoal da Rede Museística Provincial.  Ademais, lembrou que “a celebración do aniversario non remata con este acto senon que continúa cun programa de actividades que se extenderá nos vindeiros meses e que incorporará diferentes voces do tecido cultural e social da comarca”.  

CONCELLO. O rexedor cervense, Alfonso Villares, quixo felicitar “a todas esas persoas que contribuíron durante estes 50 anos a engrandecer o Museo do Mar de San Ciprián, que é Patrimonio de todos”.

O rexedor declarou que os cervenses “temos o privilexio de contar co Museo do Mar de xestión pública máis antigo de Galicia e que atesoura no seu interior un sinfín de xoias de incalculable valor, que convidamos a descubrir ou redescubrir”.

Villares precisou que desde o Concello “estamos a dar os pasos precisos para lograr a súa ampliación, “co obxectivo de mellorar, aínda máis, a calidade e a funcionalidade desta dotación cultural única”.

O ámbito proposto para levar a cabo a ampliación abrangue, ademais do edificio existente, unha edificación privada empregada antigamente como vivenda. 

Nestes terreos que se plantexan para o aumento do Museo establécese a ordenanza Residencial mixta -espazo, en ordenación mixta, destinado xeralmente á vivenda e usos complementarios-; mentras que no Museo establécese a ordenanza Dotacional -propia de espazos en ordenación aberta, destinados a usos dotacionais ou servizos de interese público tales como escolar, deportivo, recreatrivo, relixioso, sanitario, asistencia…-.

O cambio nas condicións urbanísticas que se plantexa, e que será sometido a pleno, permitirá pois o uso dotacional da superficie total que é de 2.568  metros cadrados.