As cinco rutas de sendeirismo de Trabada son idóneas para percorrer este outono

Trabada conta con numerosas rutas de sendeirismo polas súas  fragas de singular beleza natural, idóneas para percorrer este outono. É un concello pequeno, que agarda a que o visitante se achegue e desfrute das súas múltiples riquezas e experiencias. Unha destas sendas é a da Fraga da Becerreira, de seis kilómetros.

Discorre por un bosque caducifolio atlántico en bo estado de conservación, entre vexetación natural e autóctona, na que os protagonistas son os carballos e  as arandeiras. No primeiro tramo de percorrido hai un aparcamento  e un panel informativo do mesmo.

Comézase a ruta por un camiño que leva a Fraga da Becerreira, o sendeiro continúa de forma ascendente, acompañado do rego de Vilapercide en dirección ao seu nacemento e cruzándoo varias veces por distintas pasarelas de madeira. Esta fraga é das que máis beleza entrañan tamén polos múltiples anfibios que se atopan nas súas fontes e regos naturais.

A medio camiño hai unha fonte onde se pode facer unha parada no bosque de ribeira. Este tramo de sendeiro desemboca en As Liñeiras onde o percorrido se separa do rego para adentrarse cara a parte alta da fraga onde se poden observar numerosas especies como carballos, castiñeiros, arandeiras ou acivros.

Continúa pola parte alta da fraga, onde hai outra fonte e regrésase ao punto de partida a través dun descenso mediante curvas abertas, para disminuír or riscos de erosión e de dificultade do sendeiro.

A outra ruta principal de Trabada é a de Vilapena, que conta con dúas alternativas, unha de menor percorrido, de seis kilómetros, e outra de dez.

Esta ruta rodea e atravesa a Fraga de Vilapena, caracterizada pola presencia de erbedeiros. Ao comezo hai unha zona de aparcamento e un panel informativo da ruta. Atravésase o pobo ata alcanzar a igrexa, na que se destaca o seu retablo barroco. Tras saír de Vilapena o camiño vai cara a fraga.

Máis adiante, ofrece dúas posibilidades, tomando unha pista á dereita ou continuar de frente dous kilómetros seguindo a pista que conducirá ata o alto da Pena do Gorro, desde onde hai unha espléndida vista do val de Vilaformán e Vilapena. A bifurcación dá a opción de recorrido máis curta. Tomando a mesma pista forestal, pouco a pouco, o visitante adéntrase na fraga na que o rei indiscutible é o carballo.

No seguinte tramo paséase entre un bosque de madroños. Se o camiñante realiza a ruta en outono e inverno ademais poderá saborear o seu curioso froito de cor vermella.

O sendeiro pouco a pouco faise máis sinuoso e algo escarpado ata desembocar nun punto onde cruza o rego de Vilaformán. O retorno remata na zona de aparcamento dende a saída da fraga por unha pista forestal.

A ruta do vento, de 11 kilómetros, é moi sinxela, discorre na súa totalidade por pistas existentes, de escasa pendente. Ademais da fascinante paisaxe, pódese desfrutar de impresionantes vistas panorámicas dende o alto de Cerrochán, o punto máis alto do Concello (776 metros), así como dunha explotación mineira a ceo aberto. É ideal para un percorrido en bicicleta ou a cabalo.

Comeza na Área Recreativa Chao do Couso que conta cunha fonte, varias mesas e un refuxio. Síguese pola estrada de Riotorto aproximadamente uns 300 metros para logo desviarse á esquerda por un camiño que levará ata ao alto do Cerrochán, onde se pode desfrutar dunha excelente vista dos vales de Trabada.

Continuando, avístase unha arboleda que envolve ao visitante e seguindo o camiño, atópanse unha cascada ou fervenza e unha fonte. Continuando, rodeado pola Fraga da Cabanela, chégase a un punto onde se une coa ruta da Fraga da Vilapena. Dese punto sae un ramal á dereita para deleitarse cunha vista panorámica da Fraga de Vilapena e de Vilaformán, que se poderá alcanzar opcionalmente, unha media hora máis, entre ida e volta.

De regreso, parte deste último tramo é compartido co da ruta da Fraga de Vilapena. Conta cun refuxio de madeira e pódese observar a gran diversidade de especies: erbedeiros, acivros, castiñeiros… ata o punto no que gradualmente cambia a paisaxe, onde destacan masas de coníferas, e entre elas o pino silvestre.

Respecto da ruta da subida ao Picato, que tamén conta dúas alternativas, pódese facer unha de menor percorrido, con cinco kilómetros, e outra con sete. Tamén é ideal para realizar a cabalo, en bicicleta ou a pé.

Parte da Área Recreativa Chao do Couso. Para comezar o percorrido a pé, tómase a pista de terra que deixa á esquerda á área. No inicio a ruta apenas ten dificultade pero a medida que se vai adentrando paulatinamente no bosque de pino silvestre, o camiño vólvese cada vez máis empinado ata chegar ao alto do Picato, (743 metros).

Logo hai dúas posibilidades de regreso: unha de menor percorrido a través de masas de pino silvestre e outra atravesando por preto da fraga da Becerreira e máis tarde unha paisaxe onde se pode observar o típico mosaico galego.

E por último Trabada ofrece a ruta do Monte Roxal de Teixido, de 7,2 kilómetros, moi sinxela. Avanza por pistas forestais, conta cunha variada gama de paisaxes onde o visitante entra en contacto cos diferentes usos do chan presentes no territorio galego. Pódense observar boas panorámicas da Serra da Cadeira. Atravésase a Fraga de Teixido por pistas forestais. Na metade do tramo conta cunha fonte. A baixada remata nunhas das pistas de concentración parcelaria polo que se producirá un cambio de paisaxe pasando a parcelas dedicadas ao aproveitamento do eucalipto, prados e cultivos. Este último tramo realízase na súa totalidade por pistas e remata no punto inicial.

Etiquetas