Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Máis de 2.000 persoas participaron na concentración por Alcoa en San Cibrao

Por 16 Outubro, 2019Sin comentarios

A forte choiva deste anoitecer na Praza dos Campos de San Cibrao non arredrou aos ao redor de 2.000 manifestantes que se concentraron, pese ao mal tempo, nunha das localidades que máis directamente vive de Alcoa na Mariña lucense. A poboación non quixo perderse esta cita en apoio dos traballadores que ven perigar os seus postos polo posible peche da alumineira.

A concentración convocada polo comité de empresa comezou ás 20.30 horas e saldóuse sen incidentes, como sinala a Garda Civil. A manifestación de Cervo celebrouse xusto no mesmo día en que As Pontes tamén se paralizou pola folga ocasionada polo futuro peche de Endesa, motivo polo que houbo tamén protestas en Madrid.

Os manifestantes clamaron pola continuidade do complexo industrial e polos seus empregos xa que a factoría emprega a máis de mil persoas nas dúas prantas, alúmina e aluminio. Sen contar os centos de traballos das empresas auxiliares e sectores que se benefician da súa actividade.

Entre os asistentes houbo quen afirmaba que Alcoa vai perder este ano 60 millóns de euros na pranta de aluminio, xa que o pasado exercicio as perdas na devandita pranta foron elevadas, polo que a súa vantaxe está na de alúmina.
Dende a propia empresa sinalaron recentemente que necesitan medidas adicionais con urxencia, máis aló do Estatuto da Electrointensividade que prepara o Goberno, pese que a finais de ano previsiblemente recibirán compensacións polo CO2, ademais de na subasta prevista para decembro polos servizos de interrumpibilidade.