Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Os focenses dispoñen dun servizo de xantar a domicilio para maiores e dependentes

Por 16 Outubro, 2019Sin comentarios

O Concello de Foz pon en marcha o servizo de comida a domicilio Xantar na Casa, dirixido a persoas maiores e dependentes. A concelleira Ana Rojo Eijo anima as familias interesadas a solicitar información no departamento municipal de Servizos Sociais.

Ana Rojo explica que para posta en marcha do servizo Xantar na Casa no municipio focense “asinouse un convenio por parte do Concello de Foz e do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar Social, da Consellería de Política Social, o 31 de xullo deste ano 2019. Xantar na Casa é un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade, adaptada evidentemente ás necesidades das persoas maiores ou dependentes, con déficit de autonomía persoal. Ademais disto as necesidades básicas e instrumentais desas persoas, por exemplo para xente que non pode ir facer a compra ou non pode elaborar a comida diaria”.

A concelleira de Servizos Sociais e Familia engade que “o obxectivo principal é mellorar o nivel de benestar e a calidade de vida desas persoas beneficiarias e das súas familias, mantendo no seu entorno do fogar á persoa demandante do servizo e evitando ou retardando a institucionalización desas persoas. Dende o Concello de Foz avogamos porque cada persoa poida decidir e se quere vivir na súa casa poder darlle este tipo de servizos. A alimentación é de calidade, nutritiva e atendendo os casos de xeito personalizado e individualizado, o quere dicir que para unha persoa que ten hipertensión a dieta vai ser hiposódica e se ten colesterol será hipocalórica, baixa en graxas, etcétera. É comida tradicional pero ao mesmo tempo adaptada á liña en frío, que se chama así porque é cociñada e despois báixase a temperatura rapidamente para que non proliferen as bacterias. Sérvese en bandexas seladas, sen conxelar nin pasteurizar. É comida tradicional cocida e asada, pero non se frite. Sérvese incluso ata o pan ou empanada, sopa, caldo, … Todo tipo de comida tradicional que se coloca en bandexas e as condicións hixiénico sanitarias están garantidas”.

En canto ás persoas beneficiarias, Ana Rojo explica que “hai tres tipos que poden optar a estes servizos: persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e sen rede de apoio que poida suplir tal situación, o quere dicir que non vivan con ninguén que poida cociñarlles; ou persoas dependentes que carecen de apoio familiar e que requiren de axuda para a preparación de alimentos; ou tamén persoas menores de 60 anos en situación de exclusión social, tecnicamente avaliada polos Servizos Sociais, e sempre que se estea intervindo dende outro programa para resolver a súa situación de exclusión, como por exemplo unha persoa está recibindo o Risga”.

A edil anima “ás persoas de Foz que queiran ser beneficiarias deste servizo e ás súas familias a que se acheguen aos Servizos Sociais a pedir toda a información que consideren sobre o Xantar na Casa pois alí facilitaráselles sen ningún problema. En canto aos custes, o Concello achega unha parte, a Administración outra e os usuarios abonan 1,67 euros, cantidade que é asumible polas persoas”.