Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

As persoas xordas percibirán os concertos das San Lucas grazas a unhas mochilas vibratorias

Por 17 Outubro, 2019Sin comentarios

O Concello de Mondoñedo recibirá cinco mochilas vibratorias para o Festival Intercéltico que se celebrará o vindeiro sábado 19 de outubro no marco de As San Lucas 2019.

Así o explicou a tenente de alcalde mindoniense, Ángeles Rodríguez, durante a presentación da cita en Soutomaior (Pontevedra) a onde se desprazou este martes xunto a Miguel Souto, presidente da Asociación As San Lucas, para dar a coñecer “as feiras e festas máis antigas de Galicia” que se celebrarán na cidade entre este xoves 17 e o domingo 20 de outubro. Esta celebración conta no seu programa con diversas actividades: ademais da tradicional feira e concurso de gando, haberá doma nocturna, teatro, humor, encontro folclórico e o nomeado festival intercéltico, entre outras actuacións musicais.

Rodríguez aproveitou para agradecer a acollida por parte do Concello de Soutomaior e tamén a colaboración doutro Concello da comarca de Vigo, o de Nigrán, que presta as mochilas vibratorias que permiten a eliminación das barreiras físicas e sensoriais.

“As persoas xordas poderán, dalgún xeito, “sentir” os concertos programados na Praza da Catedral; pois esta tecnoloxía transforma o son en vibracións”, sinalou a edil mindoniense que explicou que “as mochilas poden ir cargadas ás costas ou no peito e permiten que o usuario se poida desprazar libremente polo recinto ao ser completamente inalámbricas”.

Ademais, as persoas xordas que teñen próteses auditivas -implante coclear e/ou audífono- non só sentirán as vibracións, se non que tamén poderán escoitar con maior nitidez os sons ou a música a través dun lazo inductivo. 

Estes dispositivos foron empregados por vez primeira en España nas derradeiras actividades de Nadal do Ayuntamiento de Madrid e Nigrán é o segundo municipio do país en adquirilas para uso público e gratuíto. 

As persoas interesadas en empregar estas mochilas deben solicitalas a través dun correo electrónico -que inclúa o nome e o número de DNI- dirixido a comunicacion@nigran.org.

As mochilas estarán dispoñibles para todas aquelas persoas que así o soliciten.  Polo tanto, se a demanda é superior ás cinco persoas, procederase a repartir o tempo de uso destes dispositivos entre as persoas solicitantes.