Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Mondoñedo loita por declarar As San Lucas Ben de Interese Cultural

Por 18 Outubro, 2019Outubro 19th, 2019Sin comentarios

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, defendeu “o arraigo ao longo do tempo” das festas parroquiais que constitúen “unha tradición cultural viva que contribúen decisivamente na identidade e a cohesión social dos veciños e veciñas dos pobos e vilas de Galicia” durante a presentación de dúas iniciativas que, de forma conxunta, teñen como obxectivo acadar a declaración da festa parroquial ou patronal galega coma Ben de Interese Cultural (BIC).

Candia incidiu no seu valor social polo feito de “dar pe ás reunións familiares arredor do día do patrón” e tamén na súa capacidade por “xerar riqueza nos nosos pobos, aldeas e parroquias”. Manifestou así o seu apoio á solicitude que realizarán á Xunta de Galicia nos próximos días co obxectivo de dar inicio aos trámites para acadar esta declaración dende a Asociación Galega de Orquestras (AGO) tal e como expuxeron o seu presidente, Manuel Fariña, e a avogada de AGO, Raquel Grela Barreiro (Auren).

Dende a AGO afirman que “a festa parroquial galega é un fenómeno cultural inmaterial de seu, que recolle toda unha serie de tradicións, vivencias e modos de organizar o tempo de lecer do noso país. Unha tradición de longa historia que chegou aos nosos días principalmente pola implicación desinteresada do pobo, das xentes que conforman as diferentes comisións de festas que existen en cada
parroquia”. Por iso, cren que “deixar desaparecer as festas parroquiais suporía perder un dos nosos signos de identidade e, precisamente para evitalo, tomamos esta iniciativa ao entender que a declaración como BIC contribuiría a estimular o desenvolvemento de políticas de estudo, protección e impulso das mesmas”.

Igualmente, as deputadas do Grupo Parlamentario Popular Raquel Irias e Sandra Vázquez avanzaron a proposta para debater no Parlamento galego unha proposición non de lei (PNL) co obxectivo de instar ao Goberno galego a que recoñeza ás festas parroquiais galegas como Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia na súa categoría de Ben de Interese Cultural.

A alcaldesa mindoniense manifestou a súa satisfacción polo feito de “elixir Mondoñedo como lugar para facer este anuncio coincidindo, ademais, co inicio de As San Lucas este ano. Non en van, son as feiras e festas máis antigas de Galicia que se veñen celebrando ininterrompidamente dende o ano 1156 na cidade episcopal”,
expuxo.

Puxo así en valor a rexedora esta tradicional celebración do outono galego como “un dos sinais de identidade do pobo mindoniense” que, ademais, “cada ano logra reunir a numerosos veciños e visitantes nunha cita que conta con entidade por si mesma, en estreita relación coa feira de gando cabalar e que, polo tanto, se alza como unha homenaxe ao noso sector primario e constitúe un  escaparate dos nosos produtos”. Pero tamén lembra Candia que, “co paso do tempo, As San Lucas suman aínda máis atractivos á súa programación achegando a Mondoñedo distintas actividades culturais”.

As feiras e festas das San Lucas comezaron este mesmo xoves coa baixada dos cabalos polas rúas da cidade e a Praza da Catedral para chegar ao campo da feira e, posteriormente, coa recepción e o pregón a cargo de Manuel Lourenzo. O venres 18, o día da gran feira tradicional, celebrarase tamén o concurso de andadura e un espectáculo de doma nocturna. O sábado desenvolverase o concurso morfolóxico, a xuntanza de tractores clásicos e o Festival Intercéltico As San Lucas e a proxección de videomapping na fachada da catedral “As San Lucas Patrimonio Inmaterial”. E o domingo pecharán As San Lucas 2019 co acto de entrega do Premio Mondoñedo 10, 2019 na modalidade Ensaio, en lembranza de Alicia Tella-Villamarín Ferreiro, o concurso de cabalos trotóns e un monólogo ao que hai que engadir “as tradicionais verbenas que se desenvolverán cada un dos días das festas na Alameda”.