Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

O presidente provincial supervisou obras da Deputación en Ribadeo, Barreiros, Mondoñedo e Viveiro

Por 18 Outubro, 2019Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou este xoves os concellos de Ribadeo, Barreiros, Viveiro e Mondoñedo para coñecer de primeira man e supervisar investimentos que o organismo provincial está a realizar na comarca da Mariña por un importe superior aos 370.000 euros. Tomé tamén aproveitou a viaxe para reunirse cos alcaldes e alcaldesas destes concellos co fin de analizar a situación dos proxectos e iniciativas que impulsa a institución provincial nas súas localidades, ademais de abordar as súas inquedanzas e demandas de cara abrir novas oportunidades de colaboración, dentro do firme compromiso do Presidente de reforzar a asistencia e  cooperación cos concellos para que poidan implementar servizos e infraestruturas que melloren a calidade de vida e o benestar da veciñanza.

Así, José Tomé mantivo a mañá do xoves unha xuntanza de traballo co rexedor de Ribadeo, Fernando Suárez, co que analizou os proxectos que a Deputación impulsou ou ten en marcha no concello, entre eles, a reconstrución do terreo de xogo do estadio de fútbol Pepe Barrera, unhas actuacións en execución que está previsto que rematen a principios de ano e ás que a institución provincial destinou 140.000€. “Agradezo que, á primeira chamada, o Presidente da Deputación viñera”, dicía Suárez no marco do encontro, no que aproveitaba para reprocharlle á Xunta de Galicia a súa falta de compromiso co municipio. “A Deputación ten que ser o Concello dos concellos e este goberno vai atender a todos”, afirmou o Presidente na súa segunda visita á Mariña no que leva de mandato.

No Concello de Barreiros, Tomé se atopou coa Alcaldesa, Ana Ermida, xunto coa que coñeceu o estado da estrada de Reinante que comunica a N-634 coa praia de Arealonga, a LU-P-0604. A Deputación ten previsto arranxar o aglomerado desta vía provincial cun investimento superior aos 60.000 euros. As obras comezarán en canto as condicións meteorolóxicas o permitan. 

O mandatario provincial visitou tamén o Concello de Viveiro, onde mantivo unha reunión coa Alcaldesa, María Loureiro. Tomé firmou no Libro de Ouro da cidade do Landro e falou coa rexedora dos temas de interese para o municipio, ademais de coñecer actuacións que contan con investimento provincial na localidade como as obras de conservación e mantemento da Oficina de Turismo, para a que se destinaron 20.430,31 euros; a reposición de pavimentos e servizos na rúa Benito Galcerán entre o número 16 e o Colexio de San Roque, que contan cunha achega de 43.359,78 euros; ou a reposición da rede de abastecemento de auga na marxe esquerda da rúa San Roque por valor de 78.463,15 euros. José Tomé tamén aproveitou para abordar coa alcaldesa outras actividades e iniciativas que contan con investimento do organismo provincial por un importe de 78.463,15 euros, como a Rapa das Bestas de Candaoso ou as festas patronais.

O Presidente da Deputación pechou a xornada en Mondoñedo, onde participou no pregón das festas das San Lucas, para as que a Deputación achega 20.000 euros á asociación organizadora.