Xove acorda en Pleno por unanimidade unha proposta de apoio a Alcoa

O Concello de Xove aprobou no último Pleno, a iniciativa da alcaldía gobernada polo popular Demetrio Salgueiro, e por unanimidade unha proposta en apoio da competitividade e futuro dos empregos das factorías que a multinacional Alcoa ten en Xove e Cervo.

A presentación da proposta ven determinada pola situación actual da factoría Alcoa, en grave crise debido aos altos custos da enerxía eléctrica que ten que soportar a empresa, matizan dende a alcaldía.

As factorías coas que a multinacional Alcoa conta en Xove e Cervo (para a fabricación de alumina e aluminio) teñen un carácter estratéxico por canto constitúen o principal motor económico e laboral da Mariña lucense e un dos máis importantes da provincia, onde incluso representa o 30% do seu Produto Interior Bruto (PIB), comezou expoñendo o alcalde.

Estamos a falar da principal fonte de emprego directo para máis de 1.100 familias de traballadores do complexo, aos que teríamos que engadir, manifestou Salgueiro, os empregos indirectos que xera Alcoa na costa lucense, tanto nas empresas auxiliares, como en sectores como o de servizos e hostalería (calcúlase un total no entorno a 5.000 postos de traballo).

Un dos principais factores que afectan á competitividade e futuro desta compañía ten que ver co custe da enerxía eléctrica, xa que logo para transformar a alumina en aluminio é preciso un proceso de electrólise que precisa de moita demanda enerxética e só Alcoa San Cibrao ten un consumo equivalente a 30.000 fogares, clarexou. 

A factura eléctrica representa  un dos gastos máis importantes da conta de explotación da factoría e os elevadísimos incrementos do prezo que están a ter lugar nos últimos meses poñen en risco a viabilidade e futuro deste complexo industrial, sen que o Goberno central adopte as medidas ás que se comprometeu, asegurou Salgueiro, entre elas, a aprobación do Real Decreto que incorpora o Estatuto de Consumidores Electrointensivos.

Esta ferramenta normativa debe establecer unha combinación de medidas, primas, subvencións e descontos, que protexan a competitividade das empresa altamente dependentes da enerxía abaratando o custo final do subministro, unha variable especialmente necesaria, para empresas que compiten nun mercado global. Neste momento o prezo da electricidade en España é moi caro, preto dun 50 % máis que en Alemaña ou Francia, engadiu o alcalde.

Con todo, o borrador deste Real Decreto presentado o pasado mes de marzo polo Ministerio de Enerxía e Transición Ecolóxica non foi satisfactorio para ninguén, porque recortaba o sistema de apoio actual,  e non incorporaba as demandas do sector. A Xunta de Galicia validou e presentou coas empresas electrointensivas as alegacións para que o futuro estatuto incluíra as propostas de Galicia sen que, ata o de agora, obtivera cumprida resposta.

Non é a primeira vez que na factoría lucense existen tensións como consecuencia do prezo da electricidade, lembra Salgueiro, pero nesta ocasión a situación é moito más grave derivada da inactividade do Goberno central, segundo afirma, ou de decisións políticas como as que desde o Executivo estatal cuestionan o futuro das empresas produtoras de enerxía (térmicas, de carbón, nucleares) sen alternativas viables a prezos competitivos.

Ademais a día de hoxe, a situación vese agravada tendo en conta que a multinacional advirte que o mantemento dos prezos actuais non permiten a produción aluminio en condicións competitivas e que lle levou a adoptar decisión inauditas, como a venda das factorías emprazadas na Coruña e Avilés ou a decisión de recortar a produción e pechar a actividade de 32 cubas na factoría de San Cibrao, apostilla.

Por todo o anterior, o goberno do PP en Xove levou ó Pleno do Concello a proposta da alcaldía e apoio da competitividade e futuro dos empregos nas factorías da multinacional.  E propuxo á corporación acadar os seguintes acordos, primeiro, instar ao Goberno central a realizar todas as accións necesarias encamiñadas a garantir os centros produtivos e os postos de traballo das factorías de Alcoa en San Cibrao (Cervo) .

E en segundo lugar, alentar ao Goberno central a garantir un marco enerxético estable e competitivo e aprobar, de xeito inmediato, o estatuto de apoio ás empresas electrointensivas, no que se incorporen as alegacións presentadas en conxunto pola Xunta de Galicia e as compañías galegas, así como as  presentadas polos representantes dos traballadores, co fin de que Alcoa dispoña dun prezo da enerxía que lle permita manter a súa actividade.

Etiquetas