A Mancomunidade de Concellos da Mariña comeza o mes de maxia

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense organiza a oitava edición do Mes da Maxia que se celebrará do 25 de outubro ao 30 de novembro, a excepción da fin de semana do 1 ao 3 de novembro. O evento, no que participan 17 establecementos hostaleiros coma restaurantes, hoteis e casas de turismo rural de distintos concellos da Mariña Lucense, presentouse hoxe na sede da Xunta en Lugo coas intervencións do presidente desta entidade, Alfredo Llano; do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro; da axente de Desenvolvemento Turístico, Tania Hermida; do mago Teto; de Lucas Requejo, delegado da Fundación Ecotur; e de Antonio Graña, director do Parador de Turismo de Ribadeo.

Tania Hemida sinalou que “nesta oitava edición do Mes da Maxia, a Mancomunidade quixo reforzar algúns dos obxectivos cos que foi posto en marcha aló polo 2012 este proxecto: que o Mes da Maxia sirva como elemento dinamizador e de promoción da Mariña Lucense en beneficio da desestacionalización, ofrecendo unha alternativa diferente e atractiva baseada na maxia de preto e na gastronomía local, galega e de tempada. E isto vese reflectido na nova imaxe do Mes da Maxia, onde se reforza a idea do outono, da maxia de preto e da gastronomía desta época”. 

E engadiu que “así este ano da man dos establecementos participantes traballouse a oferta gastronómica baseándoa en produto local, galego e de tempada. Así mesmo, xunto cos magos participantes retómase a maxia de preto entre prato e prato e mantense o espectáculo final. Nesta edición do Mes da Maxia participarán os Magos Rafa, Teto, Kiko, e Pi”. 

A Mancomunidade xunto cos establecementos participantes agardan que o Mes da Maxia sexa un motivo para que os mariñáns saian cear e pasen unha noite completa e agradable, se dean desprazamentos entre concellos e que a xente de fóra da comarca decida  vir pasar unha fin de semana de outono a desfrutar deste territorio con este motivo. 

Alfredo Llano explicou que “o noso interese desde a Mancomunidade é levar sempre con fluidez o turismo desde o mes de xaneiro ao mes de decembro. Loxicamente o mes de novembro é moi frouxo e polo tanto tratamos de facer algunha iniciativa boa, que sexa moi atractiva e agradable de ir visitar, como é o Mes de Maxia. Coincidindo co slogan da Mariña, A Mariña máxica por natureza, pretendemos levar a maxia durante un mes a moitos restaurantes da nosa comarca, e ao mesmo tempo que se dea moita importancia aos nosos produtos gastronómicos da Mariña, ao estar xantando tamén se presenciará unha agradable actuación de maxia destes magos que este ano son catro”. 

O presidente da Mancomunidade manifestou que “pretendemos motivar desta maneira que moita xente, tanto da provincia de Lugo como de fora dela ou mesmo desde Asturias, asista a estas cenas. Consideramos que é un espectáculo agradable, imos estar desde a última semana de outubro ata a última semana de novembro, en diferentes restaurantes. Vai haber moita variedade e a xente que queira asistir poderá gozar da gastronomía propia da comarca e ao mesmo tempo dunha boa sesión de maxia”.

Os locais que acollerán as súas actuacións son: A Marquesa, A Garita, Casa do Fidalgo, O Noso Lar, Hotel–Restaurante Javier Montero, Hotel Vila do Val, Mesón O Mazo de Ferreiravella, O Rincón do Mis, Area Grande, Parador de Turismo de Ribadeo, Mesón Camiño Norte, O Lar, Casa Rural A Penela, A Yenka, Hotel Val do Naseiro, Pousada O Almacén e Hotel O Cabazo.

O Mes da Maxia arrinca o venres, día 25, en A Marquesa, de Burela, onde actuará o Mago Pi. O sabádo, 26 de outubro, Pi encherá de maxia Mesón A Garita, en Ourol; e o Mago Kiko fará o propio na casa rural Casa do Fidalgo, en A Pontenova. 

O 8 de novembro o Mes da Maxia chegará ao restaurante O Noso Lar, en San Cibrao, co Mago Teto. O 9 de novembro será a quenda para Hotel–Restaurante Javier Montero, en Ribadeo, que contará co Mago Rafa, e para o Hotel Vila do Val, no Valadouro, onde actuará o Mago Teto. 

A terceira fin de semana de novembro o día 18 o Mago Rafa deleitará cos seus trucos de maxia aos clientes do Mesón O Mazo de Ferreiravella, de Riotorto; e Pi estará no Rincón do Mis, en Foz. O día 19 o Mago Teto estará en O Vicedo no restaurante Area Grande e o Mago Teto no Parador de Turismo de Ribadeo. 

Xa o 22 o Mes da Maxia chegará a Trabada. O Mesón Camiño Norte contará co Mago Rafa e O Lar, en Foz, gozará cos trucos do Mago Kiko. E o 23 Teto actuará na casa rural A Penela, en Mondoñedo. 

O día 29 de novembro en A Yenka, en Barreiros, estará o Mago Kiko; e no Hotel Val do Naseiro, en Viveiro, o Mago Rafa; e finalmente o 30 de novembro o Mago Pi levará a maxia a O Almacén, en Cervo; e o Mago Rafa ofrecerá unha actuación no Hotel Restaurante O Cabazo, de Ribadeo. 

Na páxina web www.mesdamaxia.com atópanse o listado cos restaurantes participantes así coma os menús que se poderán degustar en cada un deles e os números de teléfono para facer as reservas. Os prezos dos menús máxicos, que inclúen as ceas e os espectáculos de maxia, oscilan entre os 25 e os 30 euros. As ceas máxicas comezan ás 21:30 horas e constan de dúas partes, unha con maxia de preto entre prato e prato (máximo 70 persoas) e o espectáculo final (mínimo 20 persoas) que comezará unha vez sexan servidos os cafés. Para menú infantil, vegano, vexetariano e outras opcións ante intolerancias e alerxias a xente pode consultar previa e directamente co establecemento. Recoméndase non deixar a reserva para última hora e facelo canto antes, xa que as prazas son limitadas.

PARTICIPANTES. No acto de presentación participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; Alfredo Llano, presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña lucense; Tania Hermida, axente de desenvolvemento turístico da Mancomunidade; Antonio Graña, director do Parador de Turismo de Ribadeo; Lucas Requejo, delegado da  Fundación Ecotur -organizadora do programa-, e os magos Teto e Rafa, dous dos artistas que actúan nesta iniciativa.

Os participantes coincidiron en sinalar que este é un evento único en canto ao formato, que contribúe a diversificar, descentralizar e desestacionalizar a oferta turística da Mariña, ao tratarse dunha proposta conxunta que percorre os concellos mariñáns nun mes de tempada baixa.

O evento conxuga maxia e gastronomía. Os establecementos participantes ofrecen menús con produtos galegos de tempada mentres os magos realizan “maxia de preto” entre prato e prato polas mesas, para culminar cun espectáculo final ao remate da cea. Participan 17 establecementos hostaleiros -como restaurantes, hoteis e casas de turismo rural- e os magos Rafa, Teto, Kiko, e Pi.

Os prezos dos menús máxicos, que inclúen as ceas e os espectáculos de maxia, oscilan entre os 25 e os 30 euros. As persoas interesadas poden consultar previamente co establecemento as posibles opcións para menú infantil, vegano, vexetariano e outras alternativas. Os lugares, datas e menús de cada proposta poden consultarse na páxina web do Mes da Maxia.  

Etiquetas