Barreiros ofrece tardes de lecer para os maiores nas parroquias

O Concello de Barreiros invita aos veciños a desfrutar das tardes de lecer, con múltiples actividades, nomeadamente mediante obradoiros para a terceira idade e de manualidades. Comezarán o día 21 deste mes e sobre a información e das inscricións, os interesados en participar poden preguntar nos mesmos lugares onde se imparten.

Nos talleres de manualidades poden apuntarse os maiores de idade do Concello e repártense por parroquias de xeito que os luns desenvolveranse nas escolas de Celeiro, os martes nos vellos colexios do Canteiro en San Pedro, os mércores no centro social de San Cosme, os xoves de novo no Canteiro de San Pedro e os venres, no local social de San Xusto. En todos os casos as clases serán de 16 a 19 horas.

Sobre os obradoiros da terceira idade están previstos para maiores de 65 anos, xubilados e maiores de 60 e persoas con discapacidade que se consideren idóneas para participar. Os luns haberá actividades no centro social de San Cosme, de 17 a 18.30 horas, os xoves as sesións impartiranse no local do campo da festa de Vilamar, de 16.15 a 17.45 horas e tamén os xoves, haberá talleres no CEIP San Miguel de Reinante, de 18 a 19.30 horas.

O Concello anima aos veciños a apuntarse nestas actividades lúdicas, de aprendizaxe e festivas, coas que se pretende favorecer o proceso de envellecemento e potenciar as relacións entre iguais e veciños da municipalidade.

 

 

Etiquetas