Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Burela premia a Nito Valle, recén proclamado campión de Europa de Futsal Sub19

Por 20 Outubro, 2019Sin comentarios

No Concello de Burela tivo lugar unha recepción a Nito Valle, pola súa proclamación como campión de Europa coa selección española sub 19 de fútbol sala. 

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, dixo que “desde o Concello de Burela queremos facerlle un pequeno recoñecemento, entregándolle unha placa protocolaria, a Nito Valle, que se acaba de proclamar hai unhas semanas campión de Europa co equipo da Selección española sub 19 de fútbol sala”.

O edil burelés manifestou que “é un orgullo para nosoutros ter un campión de Europa porque non é nada fácil. E Nito con todo ese traballo que leva feito desde as categorías inferiores do Burela Fútbol Sala conseguiu chegar á selección e ademais proclamouse campión de Europa, co cal isto é un recoñecemento desde o Concello de Burela, en representación de todos os veciños, para ese traballo feito e ese título conquistado”.

Fernández Rey contou que “Nito é un xogador que agora mesmo está cedido no Santiago Fútbol Sala, pero pertence ao Burela Fútbol Sala e durante toda a súa etapa nas categorías inferiores estivo xogando no Burela FS e incluso chegou a debutar co primeiro equipo. Esperamos que nos próximos anos, despois desta etapa que está pasando no Santiago Fútbol Sala, poida volver a Burela e triunfar no primeiro equipo, como supoño que todo o mundo quere”.

O concelleiro de Deportes engadiu: “reiterar os parabéns a Nito polo título acadado e tamén ao Burela FS polo seu traballo de canteira, que estamos vendo que dá os seus froitos. E que menos que desde o Concello de Burela recoñecerlle ese mérito que ten este título de campión de Europa, que é moi importante e non se consegue todos os días”.