Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Os orzamentos da Xunta inclúen partidas para o corredor e o hospital

Por 20 Outubro, 2019Sin comentarios

“Son os Orzamentos do cumprimento e están feitos por e para os veciños desta provincia”. Con esa afirmación a presidenta provincial, Elena Candia, pon en valor a xestión que levará a cabo a Xunta de Galicia en 2020 coa aplicación das contas aprobadas este xoves polo Consello autonómico, e que ascenden a 90 millóns de euros. As contas inciden no reequilibrio territorial. E isto será posible coas partidas da consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que reserva para a provincia de Lugo investimentos por 47 millóns de euros, destacando os 3 millóns para a conversión en autovía do Corredor entre Láncara e Sarria ou os máis de 2 para a VAC Costa Norte e mellora LU-540. Tamén hai dous millóns consignados para ampliar o Hospital Público da Mariña.

En total, esta administración investirá na provincia con respecto ao exercicio anterior máis de 230 euros máis por lucense, sendo Lugo a provincia que acapara o maior investimento por habitante de toda Galicia. “Isto non é unha cuestión menor, sobre todo, cando o importe destinado á provincia supera o da Deputación e mesmo o do Concello da capital e tamén cando as demandas da provincia non están a ser atendidas por outras administracións como a do Estado”. Refírese Candia a que o Goberno de Sánchez aínda non foi quen de dar unha solución aos dous problemas máis importantes que ten hoxe a provincia en materia de emprego coa grave situación que atravesan Alcoa e Endesa.

Pola contra, o Executivo de Feijóo “cumpre”, e faino con iniciativas como o desenvolvemento do Polo Aeroespacial de Rozas, ao que destina 15,4 millóns, e cos que se levarán a cabo proxectos de I+D promovidos por Indra, Babcock e Boeing en colaboración con máis de 30 pemes, universidades e centros de coñecemento; aceleradora BFAero, que xa ten aberto o prazo para a segunda edición; a construción do polígono industrial de Rozas e a creación dun centro de experimentación de cargas aerotransportadas en Castro de Rei.

“É unha satisfacción comprobar como en Galicia temos un Goberno que fai os deberes, que cumpre cada unha das promesas asumidas coa nosa provincia, reflictíndoas no documento que avala a xestión, o dos Orzamentos. Díxoo o presidente, que o seu compromiso era cos galegos e, por tanto, cos lucenses. Esta é mostra palpable de que temos un presidente do que nos podemos fiar, que o que di se cumpre. Por iso, con total humildade, só poido estar agradecida de que teña tan presente a miña provincia na súa axenda política e administrativa”, afirma Elena Candia.

Neste senso, sinala que “están feitos en tempo e forma”, a diferenza do Executivo Central que “non foron capaces de aprobalos”. Por tanto, di, “Galicia non só goberna, senón que xestiona e cumpre”.

HOSPITAL. A dirixente dos populares lucenses pon en valor, ademais, que sexan as contas “máis sociais de todas a que leva aprobado a Xunta marcando máximos nos fondos destinados á Sanidade lucense”. Proba delo, son os case 7 millóns para o primeiro Centro Integral de Saúde de Galicia, que se situará en Lugo, ou os case 2 millóns para a segunda fase da ampliación e remodelación integral do Hospital da Costa.

ORZAMENTOS. Os Orzamentos da Xunta para 2020 inclúen a creación de 407 novas prazas na sanidade pública, ao tempo que volverán potenciar o reequilibrio territorial cun maior gasto por habitante nas provincias de Lugo e Ourense. Así o recolle o proxecto de Lei de Orzamentos para 2020, que ascende a 10.149 millóns e que foi entregado no Parlamento polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, xunto ao proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.

Destas 407 novas prazas que se crean, 252 son para persoal sanitario -fundamentalmente no eido da enfermaría-, 133 para facultativos e 22 para o persoal de servizos. Tamén se reforza o ensino con 50 prazas -30 de coidadores de alumnado con necesidades especiais e 20 de orientadores para o Plan de orientación profesional-, ás que se suman 28 novas prazas na área de benestar para profesionais de novas unidades. Ademais, 985 bombeiros forestais terán o vindeiro ano un mes de traballo adicional, polo que nesta lexislatura o seu tempo de traballo duplicouse de 3 a 6 meses.

En canto á distribución territorial, o maior investimento por habitante volverá producirse nas provincias orientais: Lugo, onde a Xunta destinará 4.252 euros per cápita, e Ourense, con 4.096 euros por habitante. Pola contra, nas provincias atlánticas A Coruña recibirá 3.281 euros per cápita e Pontevedra 3.200 euros por habitante. Respecto ao volume de gasto, as provincias que reciben maior volume son A Coruña e Pontevedra, con 3.681 e 3.011 millóns, respectivamente, mentres que Lugo recibirá 1.401 millóns, e Ourense, 1.261 millóns.

A Consellería de Sanidade ten o maior orzamento da súa historia e por primeira vez supera os 4.000 millóns, ata chegar aos 4.109 millóns. Pola súa banda, Educación, Universidade e Formación Profesional chega aos 2.446 millóns de euros. A continuación sitúase Política Social, que disporá de 776,1 millóns; seguidas de Economía, Emprego e Industria e de Medio Rural con 539,8 e 537,5 millóns, respectivamente. Infraestruturas e Mobilidade contará o vindeiro exercicio con 383,2 millóns; mentres que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, disporá de 307,3 millóns.

A Consellería do Mar contará en 2020 con 166,9 millóns de euros; a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, 164,3 millóns de euros; e a de Cultura e Turismo, con 157,2 millóns. Co menor orzamento global sitúanse un ano máis os órganos superiores dependentes da Presidencia, con 157 millóns de euros; e a Consellería de Facenda, con 59,4 millóns.

Ademais do proxecto de Lei de Orzamentos para 2020, o Goberno galego tamén entregou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, no que se inclúen novas baixadas de impostos e se manteñen todas as que xa están en vigor.

Entre as novidades, figura a rebaixa do Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) para a compra dunha vivenda no 94% do territorio galego, co obxectivo de fixar poboación no rural, así como a supresión do Imposto sobre Sucesións para as herdanzas inferiores a 1 millón de euros por herdeiro, co que o 99,9% dos galegos non pagarán este tributo cando reciban unha herdanza dun familiar directo. Tamén se aproban máis facilidades para a sucesión das empresas familiares e ponse en marcha unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF.

Os Orzamentos para 2020 reforzan un ano máis o gasto social, que medra en 275 millóns respecto a este ano e acada os 7.400 millóns de euros, a cifra máis alta da historia. Estes novos recursos permitirán incrementar o gasto directo en sanidade, no ensino e nas políticas sociais, e poñer en marcha medidas pioneiras no ámbito familiar como a gratuidade das escolas infantís a partir do segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta Benvida. Tamén medra o capítulo de investimentos, que acada os 1.691 millóns de euros. 

Nas contas do vindeiro ano tamén destaca a dotación para o Xacobeo, para o que se destinan 82 millóns para afrontar con éxito a preparación do vindeiro Ano Santo, e a redución do gasto en débeda, que baixa 22 millóns. Ademais, tamén se inclúe o crédito necesario nun fondo retributivo para elevar ata un 2,2% o salario dos empregados públicos e que se aplicará cando o Goberno central dite a norma habilitante.