O Samaín de Cervo estará cheo de actividades

A asociación cultural A Fervenza de Sargadelos prepara un Samaín cheo de actividades para o 31 de outubro nas vellas escolas de Cervo. Ás 18.45 horas comezará a tarde co espectáculo O Espantamedos, de Fantoches Baj. Inacio Vilariño, acompañado dalgún títere e obxectos, contará aspectos sobre o medo que, a pesar de facer vivir momentos indesexables, protexe de multitude de perigos e situacións que poden resultar perxudiciais. É por iso que, desde sempre, os medos tiveron nome e imaxe, adianta o colectivo sobre a función.

O Espantamedos propón un conxunto de contos e cancións para enfrentarse a eses medos patrimoniais que, dun xeito ou doutro, perviven na sociedade galega dos nosos días. É unha proposta de Urdime.

Despois, ás 20 horas, todos os asistentes poderán desfrutar dunha chocolatada e media hora máis tarde, desenvolverase o concurso de disfraces e cabazas. De feito, a asociación anima estes días aos participantes a decoralas do mellor xeito posible. A temática non pode ser doutros disfraces salvo dos relacionados co Samaín e hai que estar presente á hora do certame, tras avisar, á chegada aos membros da organización da pretensión de participar. Cada concursante debe ir con disfraz e levar a súa cabeza persoalizada xa que só se premiará o binomio disfraz-cabaza.

Os premios consisten en dous almorzos ou merendas saudábe N’a Morena. E xa por último, ás 21.00 horas, terá lugar a Estantiga das Ánimas, o desfile de Samaín, desde as escolas vellas ata a praza do Souto.

Na cita tamén colabora O Caseto de Copa, A Morena e o Concello de Cervo.

 

Etiquetas