Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Viveiro critica uns orzamentos que venden como novo a mellora do emisario

Por 22 Outubro, 2019Sin comentarios

O grupo de goberno do Concello de Viveiro recibiu “con decepción e certo estupor” os investimentos para o municipio incluídos no proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2020. “Venden como novo as obras de mellora do emisario ou o dragado de Celeiro, cando levamos unha década demandando esta actuación”, asevera a alcaldesa María Loureiro.

“O documento é fume electoral pola proximidade das eleccións autonómicas, pero os veciños e veciñas de Viveiro xa están moi cansos”, advirte a alcaldesa María Loureiro. “Son unhas contas elaboradas con proxectos que tiñan que estar feitos hai anos e partidas que despois non se executan”, afirma.

En 2010 a UE esixiu o saneamento da ría de Viveiro e a Xunta anunciou en 2011 que esta actuación estaría executada en 2015. “En setembro de 2016, asinouse o convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Viveiro, por un importe de tres millóns de euros, pero as obras seguen pendentes de execución”, lembra Loureiro.

Como exemplos doutros proxectos para Viveiro nos orzamentos da Xunta que non se cumpren, para o ano 2018 estaban incluídos 2.205.600 euros para a VAP Costa Norte, ou 250.000 euros para saneamento en Celeiro e mellora da EDAR. Para o 2019, outros 1,5 millóns de euros para a VAP Costa Norte, 466.600 euros para saneamento en Celeiro e mellora da EDAR de Viveiro, e 334.000 euros para melloras nas liñas de tratamento na EDAR de Viveiro.

“Nos orzamentos para 2020 aparece tamén o dragado de Celeiro, que levamos dez anos reivindicando, pero forma parte da zona portuaria e non é unha competencia municipal, é de Portos de Galicia, igual que o pantalán”, asegura.

“Por non falar dos 2,12 millóns que a Xunta proxecta, un ano máis, para a variante e para melloras na N-640”, engade a alcaldesa, “un proxecto do que nin sequera coñecemos en profundidade a última proposta da xunta, non podemos valorala”.

“E mentres a Xunta anuncia todo isto, ao concello denegounos, so no ano 2019, as subvencións que solicitamos para mellorar a rede de saneamento da rua Misericordia; repoboar de árbores os núcleos urbanos; fomentar a igualdade; a conciliación; para contratar a mulleres vítimas da violencia de xénero; equipamento de emerxencias; actuacións en materia de arquivos; melloras nos locais culturais, ou iniciativas para a mocidade”, asevera Loureiro.

A Xunta denegou tamén este ano o obradoiro de emprego que Viveiro tiña solicitado de forma conxunta cos concellos do Valadouro e Alfoz, como xa acontecera en exercicios precedentes, nos que Viveiro o solicitara de forma independente.