Cervo anticipa o peche de servizos coma o da piscina para ir á convocatoria por Alcoa

O Concello de Cervo anticipará no día de mañá o peche dos servizos municipais para favorecer así a asistencia dos traballadores á nova concentración convocada polo comité de empresa de Alcoa, que terá lugar este xoves, 24 de outubro, ás 20.30 horas, na Praza do Concello da vila veciña.

Así o explicou hoxe o rexedor, Alfonso Villares, poñendo a énfase no “momento crítico que estamos a atravesar na Mariña” polo que é fundamental que todos “rememos nunha mesa dirección, man a man, para esixirlle ao Goberno central ese marco enerxético estable e competitivo que precisamos con suma urxencia” que garanta o emprego e o futuro desta comarca, que a día de hoxe, corre un serio risco.

Entre os servizos que se verán afectados está o da piscina municipal que pechará ás 20.00 horas, ou as Escolas Deportivas Municipais, nas que non se impartirá ningunha actividade a partir desa mesma hora.

Villares insistiu na importancia que ten esta nova concentración para visibilizar a nosa situación “polo que é fundamental que a veciñanza da Mariña acuda en masa á Praza do Concello de Burela para seguir a reivindicar o noso”, sentenciou.

Etiquetas