Skip to main content
ActualidadeBurelaCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O alcalde de Cervo insiste nos postos de traballo que xera Alcoa na Mariña

Por 24 Outubro, 2019Sin comentarios

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, fixo hoxe público un artigo titulado Enerxía solución: querer é poder, ao fío doutra concentración en prol do mantemento da actividade de Alcoa que terá lugar esta tarde en Burela. Para Villares, ten moita importancia a empresa de Aluminio para a comarca. As cifras, moitas veces repetidas nestes días, dino todo. 1100 postos de traballo directos, 500 indirectos, moitos traballos en empresas privadas, por non falar dos traballos en empresas públicas. Ao fin e ao cabo é o 30 % do produto interior bruto (PIB) da provincia, sostén o munícipe.

Unha empresa de aluminio construída polos anos 70 e que sempre necesitou dun empuxón ou dunha colaboración estatal para o seu funcionamento. Unha axuda que sempre existiu, fose esta empresa pública ou privada como nestes momentos, como lembra o alcalde.

Villares incide en que hai máis dun ano no que estas axudas non existen nas cifras necesarias para a súa viabilidade, e todo este tempo pasado fixo que saltaran todas as alarmas. Unhas alarmas referendadas polo propio comité de empresa de Alcoa e por todos os representantes públicos que acuden a unha reunión convocada polo propio comité, engade.

Reunión na que se acordou centrar o discurso e onde o que nestes momentos urxe é que o Goberno central elabore o estatuto de empresas electrointensivas. Pero un estatuto que conteña o necesario para garantir a viabilidade da nosa empresa.

A presenza da ministra de Industria en Alcoa non supuxo ningún halo de tranquilidade, se cabe, todo o contrario, ao comprobar que non había ningún esbozo de tan necesario estatuto das empresas electrointensivas, segundo afirma Villares que sabe que é posible conseguir o tan fundamental empuxe para garantir ese benestar e progreso que levamos vivindo dende fai máis de 40 anos.

Tras saber que dende o Goberno central se quere dispoñer de máis de 1.400 millóns de euros para a suba das pensións e que dende o mesmo goberno se aprobou un paquete de 700 millóns de euros para paliar os efectos da quebra da empresa Thomas Cook, pregúntase se nón é posible salvar A Mariña. Ao fin e ao cabo, a empresa só necesita un total, aproximadamente, de 100 millóns de euros para facer que o  soño siga sendo unha realidade, matiza. E insiste en que son 100 millóns de euros que en termos brutos xeran máis de 150 millóns en impostos, incluídos os pagos á Seguridade Social. Engade que son 100 millóns de euros que reportan aproximadamente outros 100 millóns de euros en soldos, incluíndo unicamente aqueles traballadores que directa ou indirectamente teñen os seus postos de traballo en Alcoa, por non falar dos preto de 250 millóns de euros que supón a súa repercusión noutros sectores industriais e comerciais asociados á dita empresa.

Por todos estes datos, é fundamental que todos os veciños da Mariña sigan, segundo anima Villares, dun xeito unido e sen consignas políticas, reclamando o propio. É importantísimo visibilizar e sensibilizar ao goberno de Madrid para que aporte o necesario para que a Mariña lucense siga sendo a comarca puxante de toda a provincia, afirma.

Porque con todos estes datos, asegura que non é cuestión de poder, senón que é cuestión de querer.