Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

A asociación As San Lucas lamenta que Xabier Díaz non actuara nas feiras

Por 26 Outubro, 2019Sin comentarios

Dende a Asociación As San Lucas, formada por mulleres e homes que traballan de maneira altruísta e comprometida por As San Lucas, as feiras e festas máis antigas de Galicia, buscan que todo aquel que acuda se sinta ben acollido, as viva e as desfrute, sexa como visitante, comerciante ou artista. Por iso, tralo acontecido na última edición das Feiras e Festas das San Lucas, concretamente trala suspensión do concerto de Xabier Díaz durante o Festival Intercéltico, aclaran o sucedido e lamentan a falta de veracidade no comunicado remitido polo artista.

O colectivo envía un comunicado, despois de agardar varios días, confiando en que Xabier Díaz reflexionase e rectificase as súas declaracións axustándoas ao acontecido e non levase o que é un problema persoal del ata algo tan bonito e histórico como son as San Lucas, segundo afirma a asociación.

De todos é coñecida a traxectoria da Asociación na defensa da lingua e a cultura galega. Nas últimas edicións das feiras e festas participaron, entre outros, artistas tan destacados como Carlos Núñez, Cristina Pato, Xosé M. Budiño, Susana Seivane, A Banda da Loba, Toxos e Frores, Cántigas da Terra, Arco da Vella e un longo etcétera. Rendemos homenaxes a Pascual Veiga, as Irmandades da Fala ou a Noriega Varela.

Co ánimo de mellorar cada ano, programaron para a pasada edición das San Lucas un Festival Intercéltico que se viu deslucido pola retirada motu propio pouco antes do inicio de Xabier Díaz, segundo sosteñen.

O festival arrancaba coa actuación dunha agrupación de gaiteiras e gaiteiros da Mariña (das agrupacións Misturas e Soutoximaro) ofrecida desde o alto das torres da Catedral. Este inicio sen igual estaba previsto para as oito en punto da tarde, pero atrasouse un cuarto de hora por mor das inclemencias meteorolóxicas e pola dificultade de acceso ás torres.

De seguido actuaría Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, para poder dar cumprimento ao condicionado do seu contrato, no que se recollía que a súa intervención debía comezar antes das 22.30 horas, sendo o único artista que puxo horario para a súa actuación, segundo o colectivo. Seguindo a escaleta do festival, o seguinte grupo en ofrecer o seu concerto sería Lúnasa, seguidos de Gwendal e pecharía Bras Rodrigo.

As moi malas condicións meteorolóxicas por todos coñecidas, algún problema técnico de última hora, xa que foi necesario mover a mesa de son un metro para mellorar a proxección do videomapping, máis as probas de son con cada mochila vibratoria para que os asistentes con xordeira puidesen desfrutar dos concertos e que é necesario realizar con cada grupo participante, fixeron que fose acumulándose algo de atraso. Cando lles tocaba iniciar as probas de son a Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que eran os últimos en facelo por ser os primeiros en actuar (procedemento habitual en tódolos espectáculos deste tipo), o desfase no horario era de non máis de 45 minutos sobre o previsto, segundo afirma o colectivo.

Debido a todos estes feitos relatados, púxose en coñecemento de tódalas agrupacións participantes no Festival Intercéltico das San Lucas que o inicio do mesmo posporíase para as 20.30 horas, media hora máis tarde do anunciado e que Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre empezarían a súa actuación ás 20.45 ou 20.50h ou se fose necesario mais tarde, non habería impedimento por parte da organización do evento. A disposición por parte de tódolos grupos foi excelente, agás por parte de Xabier Díaz, a pesar de que, aínda cos cambios, respectábanse as condicións que figuran no contrato, segundo insiste en sinalar o colectivo.

A Asociación As San Lucas, despois de tódolos feitos acontecidos e as declaracións vertidas por Xabier Díaz, considera que debe poñer en coñecemento público o  sucedido. Cando Xabier Díaz decidiu irse, ás 19.17 horas, o número de liñas solicitado no contrato polo artista xa estaban instaladas no escenario para que comezara as probas, co seu técnico posicionado na mesa de son e rematada a proba do grupo anterior. Engade o colectivo que o tempo de probas de son do que dispoñía Xabier Díaz axustábase ao que figura no contrato (75 minutos) e podería rematar, como moi tarde, quince minutos antes do inicio do festival. Téñase en conta que todos aceptaron o atraso do comezo do festival, matizan.

 Xabier Díaz declarou discriminacións sexistas que polo que respecta ao desenvolvemento deste evento é rotundamente falso, ademais de Isabel, road  manager de Xabier Díaz e as Adufeiras, tamén estaban Belén, representante de Bras Rodrigo e as mulleres da súa banda; Miriam Aller, encargada das mochilas vibratorias CEO de Entresignos e Olaia, técnico de monitores. Ningunha manifestou sentirse discriminada, nin infravalorada, engade a asociación. Ao contrario, todas agradeceron a profesionalidade dos diferentes sectores implicados no evento e o bo ambiente de traballo, onde todos arrimaban o ombro e todos e todas eran un mesmo equipo, sosteñen.

Na edición que se vén de celebrar das San Lucas programouse un festival de nacións celtas onde habería un representante de Galicia e outras tres nacións. Por Galicia decidiuse que o grupo invitado fose Xabier Díaz e Adufeiras; por Asturias Bras Rodrigo e a súa banda; por Irlanda, Lunasa e por Bretaña, Gwendal. Todos eles demostraron ser uns grandes artistas que o deron todo ao público congregado na praza da Catedral de Mondoñedo a pesar da choiva persistente chegando incluso a ampliar voluntariamente a duración das súas intervencións para encher o oco que deixou Xabier Díaz. Por decisión unilateral e persoal de Xabier Díaz, Galicia quedou sen representación, algo que causou gran desgusto á organización, afirma o colectivo.

A data da súa actuación era o 19 de outubro do 2019 antes das 22.30 horas, como estaba acordado, onde o seu público o esperaba ao lado dos seguidores dos outros grupos que aproveitaban para coñecer o seu traballo.