Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Destacan á Mariña no volume de madeira cortada en Galicia

Por 28 Outubro, 2019Sin comentarios

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, clausurou en Lugo a asemblea xeral extraordinaria da Asociación de Empresarios de 1ª Transformación da Madeira de Lugo. Puxo en valor os case 8 millóns de metros cúbicos de madeira solicitada este ano para aproveitamento en Galicia a través de algo máis de 80.000 solicitudes de corta. Na xuntanza tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro. A Mariña representa case o 14 por cento do volume de curtas efectuadas na comunidade.

Sobre este total, o director xeral sinalou que Lugo é unha das provincias máis activas neste sentido. De feito, no que vai de ano concentrou algo máis do 38% do volume de cortas solicitado a través dunhas 22.000 declaracións responsables ou solicitudes de corta (as dúas modalidades que existen de cara aos aproveitamentos madeireiros).

Por distritos, o máis activo da provincia de Lugo en volume de madeira foi o da Mariña, con algo máis de 1 millón de metros cúbicos de madeira solicitada para corta a través de 6.604 expedientes. Isto representa o 13,6% do volume de toda Galicia. Nesta mesma provincia séguenlle os distritos de Lugo Sarria, con 848.290 metros cúbicos e 5.721 solicitudes, e o da Terra Chá, con outros 684.232 metros cúbicos de 5.597 trámites. 

No distrito da Fonsagrada Os Ancares, lévanse tramitado 1.563 permisos para cortar un volume de 264.719 metros cúbicos. E, por último, en Terra de Lemos, foron 2.862 solicitudes para 186.592 metros cúbicos. 

Durante a súa intervención, José Luís Chan tamén destacou o peso deste sector produtivo na economía de Galicia, onde o pasado ano máis de 80.000 propietarios forestais venderon madeira por un prezo aproximado de 300 millóns de euros. Estes datos foron posibles a que en Galicia se superaron -o pasado ano- os 10 millóns de metros cúbicos de madeira, é dicir, máis do 55% de todos os aproveitamentos madeireiros no Estado.

Finalmente, o director xeral agradeceu o traballo que levan a cabo desde a Asociación provincial de empresarios da 1ª Transformación da madeira de Lugo, desempeñando unha intensa actividade de representación e defensa dos seus membros. Así, puxo en valor o asesoramento que ofrecen aos seus integrantes e a posibilidade de acadar diversos convenios con entidades públicas e privadas para favorecer aos seus asociados. 

A día de hoxe, esta asociación sen ánimo de lucro está integrada por 276 empresas do sector con actividade na provincia de Lugo, representando o 48% das empresas do sector en Galicia. Falamos de entidades e autónomos que se dedican á explotación e servizos forestais, biomasa, serradoiros e fábricas de taboleiros e de celulosa. 

Doutra banda, o director xeral lembrou que as obrigas dos madeiristas en materia de legalidade da madeira e, concretamente a obriga de dispor dun Sistema de Dilixencia Debida (SDD), foron impostas pola Comisión Europea. De igual forma, a declaración anual responsable foi unha obriga establecida polo Estado a través dun Real Decreto.

Neste contexto, a Consellería do Medio Rural, ante estas obrigas interpostas, está a traballar para simplificar as declaracións anuais responsables e dotar dun Sistema de Dilixencia Debida a todos os operadores de produtos de madeira galegos, ao abeiro do artigo 104 da Lei 7/2012, de 28 xuño, de montes de Galicia e así facilitarlle aos madeiristas o seu traballo.