Skip to main content

O alumeado de Nadal en Ribadeo contará por primeira vez con 800.000 luces led entre farolas, arcos, árbores e figuras en 3D. O Concello sacouno hoxe a licitación por 23.900 euros ao ano. A vixencia do contrato será de dous anos con posibilidade de prórroga dun máis. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen de 15 días naturais, de modo que o prazo remata o 9 de novembro.

O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que “no día de hoxe sacamos desde o Concello de Ribadeo, a través da plataforma electrónica de contratos, a licitación do contrato de subministro e instalación de elementos de decoración luminosa durante as festas do Nadal”.

O rexedor dixo que “si ben é certo que cada ano imos tentando mellorar un pouquiño a iluminación do ano anterior, seguindo nesta liña, quixemos dar un paso adiante no senso de consolidar todo o que viñemos facendo para incrementar máis os espazos públicos de iluminación do Nadal, cambiando e renovando o aspecto das luminarias e incorporando novos elementos que confiemos sexan do agrado de todo o mundo”.

Suárez Barcia subliñou que “segundo os datos que me pasan os técnicos, se sumásemos todas as microluces que conforman a totalidade dos arcos, das iluminacións nas farolas, das iluminacións das árbores e das figuras en 3D, estaríamos aproximadamente nas 800.000 luces led en total, unha cifra importantísima e nunca chegada ata agora en Ribadeo. Non imos ser como Vigo, que seguramente se vexa desde o espazo exterior a súa iluminación, pero a nós seguro que desde toda A Mariña e máis desde o Occidente asturiano se nos verá sen ningún problema. É moi importante que se nos vexa para que a xente siga vindo a mercar ao noso comercio e a disfrutar da nosa hostalería, e en xeral dos servizos que ofrece Ribadeo”.

O alcalde explicou que “o importe deste contrato ofertado é de 23.900 euros ao ano, cunha vixencia de dous anos, coa posibilidade de prórroga dun ano máis. E o criterio de selección do adxudicatario será o da oferta económica máis vantaxosa. Polo tanto, o prazo para presentar as ofertas as empresas cualificadas que queiran facelo será de 15 días naturais a partir de hoxe, ou sexa ata o 9 de novembro”.