Viveiro clarexa que a débeda municipal é menor da sinalada por un grupo da oposición

O concelleiro de Facenda de Viveiro, Jesús Fernández, quixo clarexarlle aos concelleiros do PP e aos cidadáns que a débeda municipal non é tal e que o 11 de outubro de 2019 recibiuse no concello un correo electrónico do Ministerio de Facenda e Función Pública comunicando a apertura de prazo ata o 22 de outubro para solicitar a agrupación nun único préstamo dos formalizados ata o 31 de decembro de 2018 cos distintos compartimentos do FFEELL, incluídos os correspondentes ao Fondo en liquidación para a Financiación dos Pagos a Proveedores, situación na que se atopa este concello. A medida referida é de obrigado cumprimento, non obstante requírese a solicitude de adhesión para a formalización da nova operación agrupada, aprobada polo Pleno Municipal, e a adaptación dos Plans de Axuste recollendo os efectos derivados da citada agrupación.

O concello pechará o ano 2019 cun importe en préstamos bancarios de 10,036 millóns de euros, divididos en 7,9 do Plan de Pago a Proveedores, Real Decreto 4/2012 e Real Decreto 4/2013; ademais de dúas operacións anteriores, das cales restan 2,48 millóns de euros, estando estas dúas últimas en periodo de amortización. Non son os 11 millóns que referiu o PP de Viveiro na súa rolda de prensa.

No pleno do pasado luns, por parte do Tenente de Alcalde, indicouse que esta medida para os concellos que se atopan nunha situación similar á nosa pode ser un “flotador” que permita manter servizos xerais, cultura, obras deporte, movemento social, etc., ao tempo que se compaxina o día a día da actividade municipal coa redución de débeda, que este concello xa rebaixou dende 2014 en preto de 4 millóns de euros. Cabe citar, neste sentido, que medidas desta índole xa as aplicou o Partido Popular gobernando en España anteriormente.

Con respecto ao horario da convocatoria, cómpre indicar que se convocou a comisión informativa e o pleno, extraordinario e urxente, tendo en conta o pouco tempo de maniobra existente para a remisión do acordo cuxo prazo remataba, inicialmente, o día 22. Cando a comisión informativa e este pleno xa estaban convocados, o día 18 de outubro, a media mañá, recibiuse unha comunicación da FEMP indicando a ampliación do prazo ata o día 28. Polo tanto, en ningún caso houbo oscurantismo nin falta de interese na transparencia; simplemente se convocou tendo en conta a tramitación que había que realizar con posterioridade ao acordo plenario para poder cumprir cos prazos. Todo isto explicouse na propia sesión e naquel momento pareceu que todos os presentes entendían as razóns polas que este pleno fora convocado a esa hora; ante as declaracións realizadas parece que son outros os que actúan de mala fe.

Con respecto ás declaracións sobre o suposto cambio no plan de viabilidade económica aprobado no seu día para facer fronte á débeda municipal, hai que indicar que durante a vida das operacións bancarias -neste caso esixido pola Administración de Facenda do Estado- poden ter variacións ao longo do tempo.

Finalmente, con respecto á confianza deste goberno no plan de viabilidade e plan de axuste, cómpre aclarar que xa foi modificado noutras ocasións, elevado e aprobado polo máximo órgano municipal, que é o pleno. 

O Grupo Municipal do PP quere que se reabra a OMIC ou que a piscina non peche nin os domingos nin os festivos, entre outras cuestións; pero non é compatible todo o que se pide e o mantemento dos servizos, se non se aproban medidas coma este que facilitan e difieren o pago da débeda e que neste caso, ademais, como xa se dixo, é de obrigado cumprimento.

Por todo isto, dende o goberno municipal, solicítase ao Partido Popular de Viveiro que deixe de enmarañar tentando confundir aos veciños ante a súa postura, votando en contra desta medida, cando a pregunta que cabe lanzar ao aire é se os populares votarían igualmente en contra se o Goberno Central fose do Partido Popular.

Etiquetas