Barreiros chama á sociedade a celebrar o 25N tinguindo todo de negro

O Concello de Barreiros, moi implicado e preocupado pola eliminación de calqueira mostra de discriminación á muller, chama á sociedade a implicarse na conmemoración do 25 de novembro propoñendo a negocios e veciños tinguir todo o seu arredor e mesmo a eles mesmo de cor negro. Lembra que o 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gubernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

Segundo un recente informe da ONU as violencias machistas convertíronse na principal causa de morte das mulleres, de entre 15 e 44 anos, no mundo e diversos estudos amosan que aproximadamente un 70 por cento das mulleres experimentaron violencia física e, ou, sexual, por parte dun compañeiro sentimental durante a súa vida.

Só en España, dende 2003, ano no que se empezan recoller cifras oficialmente, ata o 10 de xuño de 2019, foron asasinadas mil mulleres. Só nos dous primeiros meses de 2019 foron asasinadas nove mulleres en España.

Dende a Concellaría de Igualdade de Barreiros, que dirixe Montserrat Porteiro, se considera que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamente de todas as formas de violencia contra as mulleres.

Para iso, o Concello de Barreiros anima ao sector do comercio e a todos aos axentes sociais do municipio a implicarse na conmemoración do 25 de novembro.

O Concello de Barreiros propón vestir de loito o concello en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia e como resposta a máis dura das súas consecuencias, a morte. Porque o goberno local considera que a sociedade ten o protagonismo das rúas barreirenses e son o gran escaparate que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade.

O Concello quere un Barreiros libre de violencias machistas.

Do 18 ao 25 de novembro o Concello propón vestir as tendas, comercios, empresas, bar, posto do mercado, etc. de negro, propón vestir tamén así os manequíns, os manteis ou ás persoas mesmas.

O Concello vai facilitar material e información que tamén compartirá nas redes sociais.

Esta campaña desenvolverase conxuntamente con máis dun centenar de vilas e cidades galegas baixo o lema En negro contra as violencias, co obxectivo de pór sobre as axendas, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia machista como un problema público de toda a cidadanía.

Para os que queiran participar só teñen que chamar ao teléfono 982 124 002 ou enviar un mail a registro@concellodebarreiros.com, cos datos do establecemento, nome e enderezo e da persoa de referencia, nome e teléfono antes do 12 de novembro, de seguido o Concello poñerase en contacto.

Etiquetas