Mondoñedo instala un sistema de compostaxe colectivo

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, informou sobre que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, acaba de poñer en marcha no Concello de Mondoñedo un proxecto demostrativo e pioneiro de compostaxe comunitaria dirixido a núcleos rurais e que busca a implicación tamén de grandes xeradores de residuos orgánicos asimilables aos domésticos. Precisamente, o Concello de Mondoñedo xunto cun supermercado local comprometéronse xa a participar no proxecto, que aspira a implicar tamén activamente a unha trintena de familias.

Con este fin, procedeuse á instalación no municipio dunha área de compostaxe comunitaria integrada por oito compostadoras dun metro cúbico cada unha, con capacidade para asumir os residuos orgánicos xerados por ata 31 familias da contorna máis un supermercado próximo. Precisamente, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, visitaron esta mañá a nova zona de compostaxe comunitaria, localizada ao carón da estación de autobuses, co fin de coñecer os detalles da iniciativa.

Aqueles fogares situados na área de influencia deste punto recibirán unha carta para invitalos a participar voluntariamente na iniciativa. De feito, a primeira reunión informativa celebrouse onte no Centro Comarcal de Mondoñedo co fin de explicarlles aos veciños en que consiste o proceso de compostaxe e as principais vantaxes da súa implantación.

As familias que se animen a participar recibirán de balde un caldeiro de 10 litros para facilitar a separación dos residuos orgánicos que xeren nas súas casas e achegalos á área de compostaxe comunitaria. Pola súa banda, o supermercado recibirá un contedor de 60 litros para a recollida dos residuos que xere pola súa propia actividade. Durante as semanas sucesivas á implantación do proxecto realizaranse visitas de seguimento por parte de persoal técnico especializado para asegurar o correcto funcionamento do proceso así como para facer os reforzos formativos necesarios a todos os usuarios.

OUTRAS INICIATIVAS. Coa posta en marcha deste proxecto de compostaxe comunitaria, a Xunta de Galicia persegue fomentar a xestión descentralizada da fracción orgánica nas áreas rurais da Comunidade, involucrando tamén aos grandes xeradores de materia orgánica do ámbito local, para incrementar os índices de recollida separada dos biorresiduos e servir de exemplo para a implantación de iniciativas similares en todo o territorio galego.

Para cumprir con estes dous obxectivos, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a desenvolver outros proxectos dirixidos a implantar diferentes alternativas de xestión dos residuos orgánicos nos concellos galegos, entre as que cómpre subliñar o novo programa para ensinar aos escolares galegos a facer compost, ao que acaban de adherirse 30 colexios públicos de infantil e primaria, ou o programa de compostaxe doméstica que se presentou o mes pasado en As Nogais.

Todos eles forman parte das actuacións de promoción e apoio ao uso de compost coas que o departamento autonómico dotará ás entidades locais galegas de ferramentas que lles permitan avanzar no cumprimento dos obxectivos de preparación para a reutilización e reciclaxe establecidos na recente modificación da Directiva Marco de Residuos.

De acordo con esta modificación, ao obxectivo de reciclar o 50% dos residuos xerados en 2020 sumaranse outros novos, como que a cantidade de residuos reciclados deberá ser do 55% no ano 2025, do 60% de aquí a 2030 e do 65% en 2035. Ademais, nesta modificación da Directiva Marco de Residuos, obrígase tamén aos Estados membros a implantar a recollida separada da fracción orgánica dos residuos –unha competencia municipal- antes do 31 de decembro do ano 2023.

Etiquetas