Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O BNG asegurou no mitin de Burela que é a unica forza que pode axudar a Alcoa

Por 3 Novembro, 2019Sin comentarios

En Burela, como poucas horas antes en Lugo, a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin para facer un chamamento a todos os galegos e galegas desencantadas e cabreadas cunhas forzas estatais que “xogaron co seu voto” e, ademais, “persistiron na discriminación con Galiza”. Unha discriminación e ninguneo que teñen un “exemplo de libro” na situación que vive ALCOA por un marco enerxético aprobado polo PP e mantido polo PSOE, que ten en vilo a toda a comarca da Mariña e ao conxunto do provincia de Lugo polo risco que implica para os 2.000 empregos que xera a planta de Cervo.

“Non é de recibo que sendo Galiza produtora excedentaria de electricidade haxa nesta provincia 2.000 postos de traballo en xogo en ALCOA polos custes enerxéticos. Iso é responsabilidade do PP e do PSOE, os primeiros porque foron os autores dunha lexislación que nos levou a esta situación, e os segundos porque a mantiveron. Non é de estrañar se temos en conta quen se senta nos consellos de administración das eléctricas, – Aznar e González-, facéndose ricos mentre en Galiza hai miles de empregos en risco”, denunciou.

Pontón foi moi crítica co ninguneo antes do PP e agora do PSOE, que xa prometera antes do 28A un estatuto para as industrias electrointensivas que nunca chegou. A ministra de Economía en funcións, Nadia Calviño, “tivo tempo de darse un paseo pola muralla de Lugo nestas visitas de campaña que traen a paracaidistas de Madrid, pero non dixo unha palabra dun estatuto  imprescindible para salvar miles de empregos no sector industrial galego, e para o fututo da Mariña”.

“Un auténtico espolio do que tamén é culpable o señorito dos Peares, -ironizou-, polo seu veto constante a tarifa eléctrica galega”. Por iso, declarou, “hoxe queremos deixar aquí un compromiso moi claro: que imos usar os escanos, a representación do BNG no Congreso  para defender os 2.000 empregos de ALCOA, para defender unha tarifa electrointensiva e unha tarifa eléctrica propia. Ninguén máis nestas eleccións pode comprometerse a iso. Polo tanto, exerzamos como galegos e como galegas collendo a papeleta do Bloque Nacionalista Galego o 10N”, demandou.

A situación de ALCOA non é a única discriminación coa provincia, nin coa Mariña. Pontón fixo referencia ao déficit das infraestruturas, en particular ferroviarias, “todo mundo sabe a dificultade de desprazarse por tren oa longo da cornisa de Lugo cun traxeco Ribadeo-Ferrol que agoniza baixo o abandono dun Goberno central que non aposta pola modernización das vías e dos trens, que non aposta por dar un servizo de calidade, competitivo en horarios e tarifas”.

Sumou tamén outros vellos agravios con Lugo, como os 30 anos de retraso na contrución da autovía Lugo-Santiago ou a demanda sen atender do xulgado específico de violencia machista. “A Mariña e toda a provincia de Lugo teñen que facerse ouvir no Estado, da man da única deputada sen atadaduras a Madrid: Olalla Rodil”, concluíu.

A cabeza de lista da candidatura do BNG ao Congreso por Lugo, Olalla Rodil, comezou a súa intervención parabenizando o carácter reivindicativo “dunha comarca viva, unida”. “Demostrástelo infinitas veces. Mobilizándovos pola sanidade pública, contra o desmantelamento do Hospital da Costa e acompañando cada día na rúa aos traballadores de Alcoa”. 

“Mañá temos unha data  importante, na que estou convencida de que todas e todos acudiremos a mobilización convocada polo comité de empresa da factoría en Viveiro. Non podemos permitir que unha factoría que depende da enerxía que producimos neste país teña 2.000 postos de traballo pendentes dun fío polo prezo da luz”, continuou Rodil que sinalou os responsables políticas da situación.

“O PP e o PSOE. Nin unha soa persoa das catro elixidas pola provincia de Lugo ou das vintetrés elixidas no conxunto ergueu a voz nin unha soa vez para decir que calquera  acordo político, calquera acordo de goberno, tiña que estar ligado ao mantemento dos postos do traballo en factorías como en Alcoa. Que defendera o dereito dos galegos e das galegas a beneficiarse da produción enerxética que temos no noso país”, apuntou.

“A decisión máis importante que temos que tomar este 10 de novembro é se queremos seguir mirando o que outros deciden por nós ou tomar as rendas da nosa propia vida. Converter Galiza nun actor da política do Estado. Como país, con voz e voto, con capacidade para intervir e condicionar os debates para situar na axenda política os nosos dereitos e intereses, os problemas que levan décadas lastrando o noso desenvolvemento”, expuxo a candidata nacionalista que sinalou o deficit de infraestruturas da comarca e as dificultades do sector pesqueiro.

“Ribadeo é un faro que ilumina a toda a Mariña, xa conquistamos Barreiros, e agora temos que seguir sumando concellos nacionalistas a esta comarca como o de Burela”, animou Olalla Rodil que instou a militantes e simpatizantes a “petar en cada porta para que non quede nin unha soa persoa na comarca que non coñeza a alternativa política do BNG”. “Saíde á rúa, coa cabeza ben alta, orgullosas de que neste país hai un proxecto político que non nos serve só para facernos valer, que non serve só para nos defender, senon que nos serve tamén para conquistar o futuro”, concluíu.