Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo informou sobre a compostaxe e repartiu composteiros

Por 3 Novembro, 2019Sin comentarios

A Casa do Mar acolleu unha charla sobre compostaxe doméstica, organizada polo Concello de Ribadeo e por Sogama. A actividade estivo dirixida a propietarios e propietarias de vivendas unifamiliares que dispoñen de xardín, hortas ou terras de cultivo, a través da cal se explicou con detalle o proceso de fabricación do compost a partires dos residuos orgánicos xerados nos fogares, obtendo un abono de alta calidade que poderán utilizar nas súas propiedades.

Os asistentes recibiron un manual de compostaxe doméstica no que se explican, entre outras cousas, as súas vantaxes: a eliminación ou redución do excesivo uso de fertilizantes químicos, a diminución da frecuencia de recollida dos contedores xenéricos por parte dos servizos municipais e do número de desprazamentos que cada veciño ou veciña realizará aos contedores. 

Na charla explicouse que a compostaxe doméstica é o proceso de descomposición biolóxica da materia orgánica xerada no fogar, como é o caso de restos de comida e podas, obtendo un produto final, o compost, que pode ser utilizado como acondicionador de solos nos propios xardíns e hortas das vivendas que o fabrican.

Trinta veciñas e veciños levaron os seus composteiros para a casa. Deste xeito sumáronse a este programa de compostaxe doméstico. Xunto a eles estiveron o concelleiro e o técnico de Medio Ambiente, Jorge Díaz e Jaime Pérez.